Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

Teatro arredor de Lois Pereiro

Fecha: 2011-05-19

 

Dúas representacións teatrais na programación das Letras Galegas

  

Esta fin de semana haberá dúas actuacións teatrais no Grove, dentro da programación que a Concellería de Cultura, que dirixe Antón Mascato, organiza para divulgar a obra do escritor Lois Pereiro, autor de Poesía última de amor e enfermidade.

 

"Deixar na terra algo de min" é un dos versos máis celebrados do poeta monfortino Lois Pereiro, a quen Galicia lle dedica as Letras Galegas deste ano 2011. Con ese título, o grupo de teatro Seisollos constrúe un espectáculo marcado pola poesía de Pereiro, que chega ao Grove en estrea rigorosa, xa que unha das actrices da compañía, Iria Parada Crespo, é veciña deste Concello, iniciándose no grupo Nosevós Teatro da Asociación Roza do Pedrol, que colabora coa Concellería de Cultura nesta montaxe.  

 

Trátase dunha obra en que os compoñentes do grupo Seisollos Teatro, Iria Parada, Andrea Paz e Leo Sangabriel, formados na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, revisan os dous poemarios de Lois Pereiro e fan deles unha interpretación libre da poesía radical do creador homenaxeado nesta edición das Letras.

 

As representacións terán lugar na Casa da Cultura de San Vicente, o sábado 21, ás 21.00 horas; e na Praza de Arriba, o domingo 22, ás 13.00 horas. Ambas representacións son de entrada libre ata completar o aforo.

 

O concelleiro Antón Mascato anima a veciñanza das dúas parroquias a asistir aos espectáculos teatrais programados porque “este grupo nos impresionou a cantos asistimos á recreación de textos de homenaxe ao escritor Xoán Fuentes na anterior edición das Letras Galegas, celebrada en San Vicente, e estamos en condicións de asegurar que, desta volta, a súa posta en escena será aínda máis espectacular”.