Reunión informativa coas nais e pais dos nenos inscritos na Escola de Verán do Concello do Grove
Fecha: 2011-06-24
As nais e os pais dos nenos inscritos na Escola de Verán 2011, posta en marcha polo Concello do Grove, terán a oportunidade de coñecer todos os detalles do programa o vindeiro martes, nunha reunión que terá lugar na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey ás 20.00 horas. O obxectivo deste encontro é explicar como vai funcionar a Escola de Verán, que este ano se traslada ao edificio do IES Monte da Vila, e cuxos obxectivos son ofrecer tempo de lecer para os máis pequenos e facilitar a conciliación dos horarios laborais dos pais coas vacacións dos seus fillos.
Neste encontro estará presente a concelleira de Educación, Laura Besada, así como algúns dos monitores que se ocuparán da Escola de Verán durante os meses de xullo e agosto. Este programa está destinado a nenas e nenos nados entre 1997 e 2007, ambos incluídos. Hai dúas quendas de horarios, desde as 8.00 ata as 14.30 e desde as 9.45 ás 13.45 horas.
A estrutura do programa divídese en módulos de distinta duración, nos que o alumnado desenvolverá actividades relacionadas cos campos da familia, o mundo interestelar, sensibilización coas discapacidades... Dentro do programa diario, estarán intercaladas as saídas a sitios de interese, así como todo tipo de xogos na praia con varias visitas semanais cando a climatoloxía o permita.
Neste momento hai inscritos 218 rapaces e rapazas, pero aínda quedan algunhas prazas dispoñibles. Para anotarse, as persoas interesadas poden facelo no Edificio de Usos Múltiples do Concello do Grove (Casa azul).