O Concello do Grove garante a conciliación de 219 familias a través da Escola de Verán
Fecha: 2011-06-29
A Escola de Verán do Concello do Grove ponse en marcha o venres, 1 de xullo, e garantirá a conciliación dos horarios de 219 familias do municipio. Os concelleiros Alfredo Bea e Laura Besada, xunto cos responsables e monitores do programa, reuníronse coas nais e cos pais para explicar o seu funcionamento.
Este ano desenvolverase no instituto Monte da Vila e contará coa atención dun grupo de profesionais con experiencia en diferentes ámbitos formativos, de animación e de divulgación, que se encargarán de converter a Escola de Verán do Concello do Grove nun espazo de diversión e de formación para as e os participantes. A rapazada será dividida en grupos de entre 20 e 25 persoas, en función da idade. A ratio monitor-alumno é de 1-15 en rapaces de 6 a 12 anos e de 1-10 en nenos de 3 a 5 anos, o que garante unha maior calidade na atención.
Este programa, que se organiza en xullo e agosto, está destinado a nenas e nenos nados entre 1997 e 2007, ambos incluídos. Hai dúas quendas de horarios, entre as 8.00 e as 14.30 e desde as 9.45 ás 13.45 horas. A estrutura do programa divídese en módulos de distinta duración, nos que o alumnado desenvolverá actividades relacionadas cos campos da familia, os avós, de película, sensibilización coas discapacidades, teatro, inglés... Dentro do programa diario, estarán intercaladas as saídas a sitios de interese, así como todo tipo de xogos na praia con varias visitas semanais cando a climatoloxía o permita.
A Escola de Verán conta cunha importante subvención do Concello do Grove, que achega unha axuda de 35 euros por cada neno e mes inscrito. Entre os obxectivos que se pretenden acadar na escola inclúese ofrecer un espazo para a conciliación da vida laboral familiar co proceso continuo de formación dos rapaces; potenciar valores coma o respecto, o compañeirismo, a creatividade ou a cooperación; incrementar o coñecemento do contorno; estimular as capacidades psicomotrices, sociomotrices, expresivas e comunicativas; repasar e profundar en conceptos educativos vistos durante o curso formativo e espertar inquedanzas e vocacións poñendo en contacto a rapazada con actividades creativas e artísticas.