O alcalde e a concelleira de Comercio reúnense con representantes dos taxistas do Grove
Fecha: 2011-07-13
O alcalde do Grove, Miguel Ángel Pérez, e a concelleira de Comercio e Mercados, Marta Domínguez, mantiveron unha primeira xuntanza con representantes dos taxistas do municipio co obxectivo de faceren as presentacións oficiais, escoitar as súas demandas e poñérense á súa disposición.
Esta é a terceira rolda de contactos iniciada pola Concellería de Comercio e Mercados, que anteriormente xa se entrevistou coa asociación empresarial Emgrobes e coa Asociación da Praza de Abastos. Nos tres casos, Marta Domínguez presentouse aos colectivos e estableceu lazos de colaboración.
No que respecta aos taxistas, unha das súas principais demandas é que se controle que os particulares non estacionen nas prazas sinalizadas para estes profesionais na rúa Luís Antonio Mestre. Alcalde e concelleira mostraron a súa “comprensión” con esta solicitude, para a que mostraron a súa total disposición.
Os taxistas aproveitaron a reunión para informar do servizo de 24 horas que teñen en funcionamento na actualidade, un servizo que desde o goberno entenden como “fundamental” para lles dar resposta ás necesidades da veciñanza e da xente que nos visita, que durante a época estival amplía de xeito importante a poboación local. “É importante ofrecer máis e mellores medios de transporte, que funcionen eficazmente e que ofrezan calidade e garantía de servizo”, engade a concelleira.
Finalmente, outros dos temas tratados no encontro foron a urxencia de volver a pintar a sinalización horizontal das prazas de taxi, así como valorar a necesidade de cambiar a cabina da parada.