Clausura do curso de camareiros e novo servizo de alertas para o persoal municipal
Fecha: 2011-07-26
O pasado día 22 de xullo de 2011, o concelleiro de Economía, Facenda e Persoal do Concello do Grove, Juan Luis Callón, estivo presente na clausura do curso de formación de camareiros organizado pola Xunta de Galicia, UXT e o Concello do Grove. O curso desenvolveuse nas instalacións do Concello situadas na rúa Castelao e tivo unha duración de 100 horas lectivas.
Os participantes foron persoas desempregadas inmigrantes, ás que se lles facilitou formación para incorporarse ao mercado laboral no sector da hostalería, un sector económico estratéxico para o noso municipio.
Igualmente, desde a mencionada concellería infórmannos de que a semana pasada comezou a funcionar un sistema de alertas destinado ao persoal do Concello, para os efectos de que dispoña dunha ferramenta útil e eficaz de cara a coñecer dunha maneira rápida e eficaz a actualización de novidades lexislativas, de subvencións ou de ferramentas que faciliten o seu labor diario. Esta iniciativa foi acollida de moi bo grado polo persoal e polos concelleiros do Concello do Grove.