O portal web do Concello do Grove consolídase como principal fonte de información municipal con 20.000 visitas nos últimos cinco meses
Fecha: 2011-07-29
O apartado de Emprego, cun 33% do total de clics, é o máis consultado do portal.
O portal web do Concello do Grove -www.concellodogrove.com- alcanza a cifra das 20.466 visitas e máis de 78.000 páxinas vistas nos últimos cinco meses, desde que se realizou o cambio de dominio .com a .es. Desde a súa estrea, a finais de 2008, o portal municipal meco consolídase como a principal fonte de información sobre todo o relativo ao concello: noticias, axenda, trámites, mensaxes a móbiles..., facilitándolle así á cidadanía a súa consulta a través de Internet, de xeito sinxelo, claro e a calquera hora do día.
Cada persoa que visita a páxina web municipal permanece unha media de 3,12 minutos no sitio e visita preto de catro páxinas. Das 20.466 visitas, preto do 50% son de persoas que acceden por primeira vez ao portal. O país con maior número de visitas é España, pero tamén consultan a información municipal desde Portugal (41 visitas), Inglaterra (39), Rusia (29), Arxentina (27), Italia (19), Brasil (17), Alemaña (16) e Estados Unidos (14).
O apartado de Emprego, cun 33% total dos clics, é o máis consultado do portal e, dentro deste, a oferta privada aparece como principal interese das navegacións realizadas.
Desde a Concellería de Novas Tecnoloxías, Documentación e Patrimonio, Alexandre Aguín destaca que “é importante seguir potenciando a páxina web municipal con novos servizos e prestacións para facilitarlle a información á cidadanía, a atención e, sobre todo, axilizar os trámites coa implantación da administración electrónica. Queremos mellorar a administración, orientala á veciñanza e alcanzar unha maior eficacia, eficiencia e calidade nos procesos de xestións e dos servizos que lles prestamos aos veciños e veciñas”.