A Concellería de Comercio e Mercados advirte sobre as fraudes nas revisións do gas
Fecha: 2011-08-01
A Concellería de Comercio e Mercados, a través da Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC), advirte sobre as fraudes nas revisións do gas e recorda que deben ser realizadas por persoal técnico autorizado que debe acreditalo co carné de instalador de gas autorizado pola Xunta de Galicia.
As revisións obrigatorias periódicas realízanse cada cinco anos. Nas gomas aparece indicada a data de caducidade. No que respecta ao regulador e ás abrazadeiras, non teñen data concreta de caducidade. Deben cambiarse segundo o seu estado ou avaría. E nese caso, teñen dereito a quedar coas antigas. Isto é importante no caso de teren que reclamar posteriormente.
Ao finalizar deben entregarlles un certificado de revisión periódica, e o contrato de mantemento que deben gardar. Normalmente colocan un adhesivo que indica a data da próxima revisión.
En caso de que acuda unha empresa sen que se solicitas, non están obrigados a aceptar o servizo.
Antes de iniciar a revisión, a persoa interesada debe solicitar as tarifas que lle van cobrar e é importante facer unha comparación con outras empresas. Recoméndase que a empresa seleccionada estea adherida ao Sistema Arbitral de Consumo e débese esixir unha factura detallada.
En caso de dúbidas, todas as persoas que o desexen poden dirixirse á OMiC, situada no edificio de usos múltiples (Casa Azul).