O alumnado da Escola de Persoas Adultas do Concello do Grove retoma as clases para preparar os exames de setembro
Fecha: 2011-08-02
A Escola de Persoas Adultas do Concello do Grove retoma as clases para preparar os exames de setembro. Un total de 96 persoas participaron o pasado curso neste programa municipal, das que 55 se presentaron a exames do sistema semipresencial ou ás probas libres. O obxectivo é ofrecer os coñecementos necesarios para que o alumnado opte ao título de graduado en ESO.
Tras un mes de vacacións, regresa a actividade á aula do Monte da Vila para preparar as probas. As clases desenvólvense de luns a venres, de 19.00 a 22.00 horas. Cada día as persoas participantes traballan un ámbito -comunicación, científico-tecnolóxico e social-, centrándose nos modelos de exame correspondentes a probas anteriores e no material disposto pola Consellería de Educación.
Ademais das clases, dispoñen de dous días de titorías na Casa Azul, os martes e xoves, de 10.00 a 13.00 horas. Outros métodos de comunicación e interacción utilizados entre a profesora e o alumnado son as redes sociais e o enderezo electrónico.
O programa de Educación de Persoas Adultas está impartido por unha mestra titulada e está destinado a todas as persoas que non puideron acadar o título de graduado en educación secundaria no seu momento, ben porque non foron capaces de obtelo ou ben porque non existía –xente que si ten o graduado da EXB-.
Na convocatoria de xuño, cinco dos alumnos da Escola de Persoas Adultas do Concello do Grove obtiveron o graduado. O título de graduado en ESO permitiralles unha plena inserción no mundo laboral, xa que a meirande parte das empresas o requiren, pero tamén permite que o alumno ou alumna continúe coa súa formación a través de calquera das modalidades de bacharelato –artes, ciencias da natureza, humanidades e ciencias sociais, e tecnoloxía- ou ben a través de ciclos formativos de grao medio.