Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

Os nenos e nenas da Escola de Verán do Concello do Grove gozan dunha xornada lúdica nas atraccións do Corgo

Fecha: 2011-08-03

Os campamentos de verán postos en marcha polo Concello do Grove chegan ao ecuador da súa actividade con varias saídas programadas para que os participantes continúen gozando das súas vacacións. O obxectivo da Escola de Verán e do campamento Baby Rock English Summer Camp é ofrecerlles actividades variadas de lecer aos nenos e nenas do municipio nos meses de xullo e de agosto, ao mesmo tempo que se garante a conciliación das súas vacacións estivais cos horarios laborais dos seus pais e nais. 

Os participantes na Escola de Verán gozarán dunha xornada lúdica nas atraccións situadas na praza do Corgo. Desde o Concello do Grove estableceuse unha colaboración con varias das atraccións que estes días están no municipio, polo que mañá xoves será a xente miúda da Escola de Verán a que acuda ao Scalextric, mentres que o venres será a quenda dos máis maiores, que o pasarán ben no Dragón e no inchable. Esta actividade súmase ás saídas que semanalmente fan á praia, así como ao Parque Central da Toxa. 

Precisamente, ao monte da illa meca acoden hoxe mércores os 40 participantes do Baby Rock English Summer Camp, co que colaboran o Concello do Grove e a ANPA do CEIP Conmeniño, e que se desenvolve neste colexio. 

Os programas

A Escola de Verán, que se desenvolve no instituo do Monte da Vila, está destinada a nenas e nenos nados entre 2007 e 1997, ambos incluídos. Participan preto de 250 rapazas e rapaces que acoden en dúas quendas de horarios, entre as 8.00 e as 14.30 horas e desde as 9.45 ás 13.45. A estrutura do programa divídese en módulos de distinta duración, nos que os alumnos desenvolverán actividades relacionados cos campos da familia, os avós, de película, sensibilización coas discapacidades, teatro, inglés... Dentro do programa diario, como xa dixemos, estarán intercaladas as saídas a sitios de interese, así como todo tipo de xogos na praia con varias visitas semanais cando a climatoloxía o permita. 

Por outra banda, o Baby Rock English Summer Camp, que ten 75 participantes divididos en tres quendas durante todo o verán, conta coa colaboración da Asociación de Nais e Pais do colexio Conmeniño, centro no que se desenvolve esta actividade. Non se trata de facer deberes e de estudar, senón de que falen e acostumen o oído ao inglés dun xeito lúdico e divertido.