Comezan as obras de mantemento e mellora en varios centros escolares do concello
Fecha: 2011-08-04
O Concello do Grove está levando a cabo melloras nos colexios do municipio, co obxectivo de poñelos a punto antes do inicio do curso escolar. Deste xeito, e tras as reunións mantidas coas ANPA e as directivas dos centros, estanse executando algunhas actuacións tendo en conta as prioridades e necesidades de cada centro.
No que respecta ao CEIP Valle-Inclán, estase acondicionando a entrada ao centro cunha capa de aglomerado que garantirá o acceso do alumnado por unha zona seca e limpa e evitará a acumulación de augas. Tamén neste centro se retomará a ampliación do comedor escolar, obras que comezaron no mes de abril e que estiveron paralizadas desde o mes de maio. O obxectivo é que cando comece o curso, a ampliación deste servizo estea en funcionamento.
No edificio municipal da Escola Infantil do Monte da Vila comezarase coa renovación das ventás e persianas da fachada principal, mentres que no CEIP As Bizocas levouse a cabo o arranxo das escaleiras exteriores que dan acceso ao campo de xogos e que provocaban unha situación de perigo para o alumnado.
A campaña de traballos tamén inclúe obras menores de mantemento e de xardinería en todos os centros, para que os usuarios e as usuarias atopen os lugares en óptimas condicións na súa volta ás aulas en setembro. “É importante resaltar o esforzo económico do Concello do Grove coa posta en marcha destas melloras, xa que recollemos un orzamentos practicamente esgotados e o único que nos permiten son levar a cabo obras puntuais con medios propios”, valora a responsable de Educación do Concello do Grove, Laura Besada. “Sabemos que existen máis necesidades que precisan de resposta, e intentaremos ir solucionándoas pouco a pouco e dentro das nosas posibilidades”, engade.
Á marxe da campaña estival, o Concello do Grove tamén conta en cada colexio cun traballador de mantemento para garantir o bo estado do centro durante todo o curso escolar.