Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

Os nenos e nenas da Escola de Verán do Concello do Grove participan o luns no programa Ponlle as pilas ao teu bocata, da Consellería do Mar

Fecha: 2011-08-25

O programa Ponlle pilas ao teu bocata chega este  luns, 29 de agosto, á Escola de Verán do Concello do Grove. Douscentos nenos, a partir de 4 anos, participarán nesta actividade organizada pola Consellería do Mar en colaboración co Concello do Grove e Anfaco-Cecopesca. A actividade comezará ás 10.30 horas e dividirase en tres grupos, en función das idades dos menores. 

Un equipo de monitores prepararán unha serie de actividades onde interaccionan cos rapaces, fanlles preguntas, ensínanlles a ler as etiquetas e elaborarán menús nos que se incorpora como mínimo un produto do mar en conserva. Tamén se lle explicará aos nenos a importancia de separar e reciclar os residuos que se xeran nos seus fogares. Posteriormente axudaranlles a elaborar un bocadillo a base de conservas do mar para comeren no recreo. 

A través desta campaña preténdese achegarlles aos alumnos e alumnas coñecementos acerca dos produtos do mar, das conservas e de todas as posibilidades que ofrecen tanto no ámbito alimenticio como didáctico e lúdico. Preténdese, ademais, espertar o interese dos cativos polo medio mariño e as súas especies, que coñezan a procedencia dos produtos do mar en conserva e a súa clasificación, ao tempo que adquiren hábitos alimentarios axeitados. 

A Escola de Verán do Concello do Grove desenvólvese desde o 1 de xullo nas instalacións do IES Monte da Vila e, durante estes dous meses, os participantes gozaron de excursións á praia e ao Monte da Toxa, de atraccións na praza do Corgo e de talleres sobre consumo responsable, entre outras moitas actividades. O obxectivo é ofrecer un campamento co que conciliar os horarios laborais dos pais e nais coas vacacións dos seus fillos, ao mesmo tempo que os nenos participan nunha programación lúdica, divertida e de ocio en compañía doutros rapaces.