O XVIII Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta decídese este sábado
Fecha: 2011-09-08
O premio da XVIII edición do Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta decídese este sábado, 10 de setembro, ás 12.00 horas no salón de plenos do Concello do Grove. Un total de trece obras preséntanse nesta edición, que contará con Manuel Quintáns, Francisco Martínez Bouzas, Armando Requeixo, Ánxela Gracián e Chelo Suárez como xurado. Os cinco membros son especialistas en literatura. Chelo Suárez é a gañadora da edición anterior do premio, dous membros foron nomeados polo Concello do Grove e os dous restantes participan en representación de Sotelo Blanco Edicións, entidade colaboradora encargada da edición das obras gañadoras.
A pesar de que a base quinta do premio establece que a obra gañadora se daría a coñecer durante o mes de maio do ano 2011, esta data foi imposible de cumprir porque os membros do xurado recibiron os orixinais entre os días 7 e 10 de xuño. Por este motivo, o concelleiro de Novas Tecnoloxías, Documentación e Patrimonio, Alexandre Aguín; a Editorial Sotelo Blanco e os membros do xurado víronse na obriga de pospoñer a elección da obra gañadora ata este sábado, para facilitar o labor do xurado e da propia editorial.
Nesta edición presentáronse ao certame literario trece obras, un número inferior ao dos anos de esplendor do Premio, “seguramente debido á escasa atención prestada ao certame ao longo destes catro anos, que incluso chegou a non ser convocado en 2009”, manifesta o edil.
O Premio de novela curta Manuel Lueiro Rey é un premio literario convocado polo Concello do Grove desde 1992, co obxecto de promocionar a vida e obra do escritor e xornalista.
Relación de premiados e premiadas:
1.º (1992): MANOEL RIVEIRO LOUREIRO: O Encerro
2.º (1993): MARIANO J. M. CABRERO FIGUEIRO : Historia de Zeltia
3.º (1994): XOÁN XOSÉ PIÑEIRO COCHÓN : Reciclador
4.º (1996): ROSA ANEIROS DÍAZ: Xogo de espellos
5.º (1997): FRANCISCO CASTRO VELOSO: Play Back
6.º ( 1998): INMACULADA LÓPEZ SILVA: Canción de amor india
7.º (1999): JOSÉ LUÍS ÁLVAREZ PÉREZ: De maxia e de obras
8.º (2000): MANUEL ANXO DARRIBA BLANCO: Velada do Billarista
9.º (2001): SANTIAGO JAUREGUIZAR ORTIZ DE ZÁRATE: Breve
10.º (2002): XABIER LÓPEZ LÓPEZ: O mono no espello.
11.º (2003): M.ª DO PILAR BUELA PIEDRA: Ácaros Verdes
12.º (2004): TERESA MOURE PEREIRO: A xeira das árbores
Finalista: PAULINO MARTÍNEZ PEREIRO: Sinfonía Cíclica
13.º (2005): MANOEL RIVEIRO LOUREIRO: Xullo-Agosto
Finalista: XURXO SIERRA VELOSO: Licor de abelá con xeo
14.º (2006): MARIÑA PÉREZ REY: Canícula
Finalista: XAVIER FRANCO ALONSO: Aínda
15.º (2007) RAMÓN CARIDE OGANDO: O Frío Azul
16.º (2008) AN ALFAYA: Area Quente
17.º (2010) CHELO SUÁREZ MUÍÑOS: As horas rotas
Finalista: JUAN TALLÓN: A pregunta perfecta (O Caso Aira-Bolaño)