Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O Concello preséntalles ás ANPA unha guía municipal que recolle todas as actividades que durante o curso se organizarán para os escolares

Fecha: 2011-09-28

O Concello do Grove presentoulles ás asociacións de nais e pais do municipio unha nova guía de actividades municipais para escolares, que aglutina todas as propostas lúdicas, culturais, formativas e educativas que durante o vixente curso se lles van ofrecer aos escolares do municipio así como aos propios centros. Tras a primeira presentación desta guía ás nais e pais, o seguinte paso será presentala en todos os centros de infantil, primaria, secundaria e bacharelato.

 

O obxectivo desta guía é reunir, nun só documento, toda a información sobre a oferta municipal de actividades escolares, co obxectivo de potenciar e facilitar a participación de toda a comunidade educativa da localidade. A guía revela tanto a ampla oferta municipal de actividades que presenta o Concello do Grove para o curso 2011-2012 como a coordinación entre as diferentes concellerías para ofrecer un programa amplo e variado, que facilite a formación das alumnas e alumnos dos diferentes centros en temas como o medio ambiente, a igualdade, a tolerancia, o consumo... Con toda esta oferta programática preténdese achegar os recursos municipais para contribuír ao aumento da calidade do ensino público, darlles a coñecer os servizos municipais e o seu contorno aos escolares, e fomentar a participación da xente nova na vida municipal.

 

O documento está dividido en actividades dirixidas a nais e pais con nenos en idade escolar, actividades fóra do horario escolar, actividades en colaboración cos centros e concursos. No primeiro punto, inclúense a Escola de Nais e Pais e o taller “Emocións en familia”, que pretenden crear espazos de interacción e reflexión onde os pais e as nais adquiran coñecementos e ferramentas necesarias para mellorar a comprensión dos seus fillos e fillas e a atención das súas necesidades emocionais nos diferentes momentos evolutivos.

 

Como actividades extraescolares inclúense clases de natación e as actividades “Coñece o mar”, “Coñece e goza da biblioteca”, “Danzando” e as ludotecas itinerantes no Grove e San Vicente. Para participar nestas actividades as inscricións pódense facer, segundo as datas indicadas na guía, na Casa do Concello en horario de mañá ou os luns e martes de 18.00 a 20.00 horas.

 

Aos centros proporánselles exposicións sobre cambio climático; pleno infantil municipal; puntos de información nos institutos; primeiros auxilios; educación viaria; aliméntante ben; taller de bebidas saudables; cine e saúde na escola; o tabaco, o fumador artificial; usos e abusos das drogas; a presión do grupo, tomando decisións; taller de responsabilidade afectivo-sexual; habilidades sociais; que monos son os animais; publicidade e medios de comunicación; conmemoración do Día da Paz; semana da prensa na escola; felicita o Nadal; olimpíada escolar; abre os ollos; como manexar as miñas emocións; tarxeta vermella ao maltratador; talleres de igualdade; resolución de conflitos; memoria do pobo e tradición oral; maxia potaxia; adopta unha árbore ou unha planta; muralismo no colexio; talleres de consumo; de compras polo comercio local; visitas ás empresas; sendeirismo... Segundo os obxectivos de cada actividade, destinarase aos diferentes cursos de infantil, primaria, secundaria ou bacharelato. Todos os tramos de idade teñen actividades dentro da guía.

 

Este documento poderase consultar na páxina web municipal, na Casa do Concello ou na Casa Azul. Nesta guía colaboran as concellerías de Educación; Participación Cidadá, Mar e Igualdade e Benestar; Comercio e Mercados; Medio Ambiente, Limpeza, Seguridade Cidadá, Deportes e Xuventude; Novas Tecnoloxías, Documentación e Patrimonio e Cultura.

 

Consulte a guía na seguinte ligazón:

Guía de actividades municipais para centros escolares