Presentación do cartel da Festa do Marisco 2012
Fecha: 2011-10-04
A rampla varadoiro situada entre o porto pesqueiro e a zona en que atracan os barcos de pasaxe será hoxe o escenario da presentación do que será o cartel anunciador da XLIX Festa do Marisco do Grove, que se celebrará no ano 2012. Así pois, hoxe farase público o deseño gañador do Concurso de Carteis da Festa do Marisco, que no presente ano contou cunha alta participación, ao presentarse un total de 22 propostas.
A persoa gañadora deste concurso recibirá un premio en metálico de 300 euros e, como se estipula nas bases do concurso, cederalle os dereitos de publicación, tanto do cartel coma de calquera outra forma de impresión para programas e folletos, ao Concello do Grove.
O cartel da presente edición da Festa do Marisco é obra da deseñadora gráfica Silvia López Costa, gañadora da anterior edición deste concurso. En 2009, este premio foi para o grovense Javier Ortiz, quen foi vencedor tamén en 2007, mentres que en 2008 o gañador foi tamén un veciño da localidade, Miguel Allo Caneda.
Por outra banda, cabe destacar que a Festa do Marisco contará este martes coa visita do presidente de Portos de Galicia, José Juan Duran.