Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

A Festa do Marisco 2012 xa ten cartel

Fecha: 2011-10-05

Onte pola mañá coñeceuse a que será a imaxe da próxima edición da Festa do Marisco nun acto celebrado no porto da localidade. O deseño gañador do Concurso de Carteis foi presentado sobre a vela dunha dorna.

 

O cartel, escollido de entre as 22 propostas que este ano foron presentadas a este concurso, é obra do coruñés Antón Lezcano González, quen definiu o seu deseño, no que se observa unha mariscadora coa praia das Pipas ao fondo, como unha "homenaxe á muller traballadora meca nunha paisaxe típica do Grove".

 

O autor da que será a imaxe da cuadraxésimo novena edición destas xornadas gastronómicas é natural de Ferrol e residente na Coruña, onde cursou estudos de Turismo e de Publicidade no Centro de Novas Profesións. Desde 1995 dirixe o seu propio estudio de publicidade, desde o que prestou servizos a diferentes empresas e institucións galegas, como a Xunta de Galicia, o Concello da Coruña, a Fundación Vicente Risco ou a Cámara de Comercio da Coruña. En 2002, Lezcano ideou e desenvolvemento a imaxe da bandeira galega coa silueta dunha vaca, e abriu unha tenda en Internet na que comercializa os seus deseños en diferentes soportes. O seu labor no ámbito da creatividade levouno a recibir premios como o Visual de Publicidade Imaxinaria ou a resultar vencedor do concurso de eslóganes turísticos da Oficina de Turismo Nacional de Malta. Ademais, Lezcano compaxina esta actividade co seu labor en diferentes medios de comunicación. Actualmente, dirixe o programa Turkia, en Localia Coruña, e é ademais profesor de Creatividade no Centro de Novas Profesións da Coruña dende hai nove anos.

 

Lezcano recibirá un premio en metálico de 300 euros e, como se estipula nas bases do concurso, cederalle os dereitos de publicación, tanto do cartel coma de calquera outra forma de impresión para programas e folletos, ao Concello do Grove.

 

O autor do cartel seleccionado estivo acompañado nesta presentación polo alcalde do Grove, Miguel Ángel Pérez, e polos concelleiros de Cultura e Igualdade, Carlos Otero e Aida Filgueira. Pérez definiu esta presentación como "o primeiro acto da Festa do Marisco de 2012", e destacou que "desde agora mesmo comezamos a traballar na próxima edición" destas xornadas gastronómicas.