O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, e a directora xeral de Comercio, Nava Castro, visitaron a XLVIII Festa do Marisco
Fecha: 2011-10-10
Logo de que o sábado o fixese a conselleira do Mar, Rosa Quintana, o conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, Roberto Varela, visitou no mediodía de onte a Festa do Marisco do Grove. Acompañado do alcalde, Miguel Ángel Pérez, e dos concelleiros de Facenda, Juan Luis Callón; Cultura, Carlos Otero; e Novas Tecnoloxías, Alexandre Aguín, o representante do Goberno galego realizou un percorrido polas dúas carpas de degustación destas xornadas de exaltación gastronómica, declaradas de Interese Turístico Nacional.
Varela non foi o único representante do Goberno autonómico que este domingo acudiu ao Grove, posto que a directora xeral de Comercio, Lameira Castro, visitou este mediodía a mostra de Artesanía de Galicia, que o Concello organiza en colaboración coa Fundación Artesanía de Galicia, e a feira de oportunidades GroveStock -promovida pola agrupación empresarial Emgrobes-, que estiveron instaladas durante o pasado fin de semana no paseo de Confín.
Acompañada do alcalde grovense e outros membros da corporación local, Castro visitou os postos de media ducia de talleres artesáns inscritos no rexistro xeral de Artesanía da Dirección Xeral de Comercio da Xunta. Nesta mostra destaca a presenza de Montse Betanzos, a primeira colareira do Grove xunto ca súa nai en formar parte deste rexistro de Artesanía de Galicia, e que no marco desta XLVIII Festa do Marisco expón por primeira vez as súas pezas dentro dunha feira na que tamén participan outros artesáns galegos.
A este respecto, tanto Castro coma Pérez mostraron o seu desexo de que máis colareiras grovenses se sumen a esta iniciativa e entren a formar parte do citado rexistro, xa que entre outras vantaxes isto lles permitiría participar nas feiras e campañas de Artesanía de Galicia.
De feito, o Concello e a Fundación Artesanía de Galicia organizaron unha xornada de promoción dos oficios artesáns dedicada ás colareiras, co obxectivo de promover esta iniciativa e animalas a formalizar a súa inscrición neste rexistro. Esta charla terá lugar o próximo venres 21 de outubro ás 19.00 horas no Hotel Maruxía.