O Concello do Grove convoca o XIII Concurso de Postais de Nadal para o alumnado de educación infantil e primaria
Fecha: 2011-11-03
O Concello do Grove convoca o alumnado de educación infantil e primaria da localidade a participar na décimo terceira edición do Concurso de Postais do Nadal. O tema para desenvolver será o do Nadal e a técnica é totalmente libre.
A presentación dos traballos terá como data límite o luns 28 de novembro, nos centros educativos ou na Biblioteca Municipal Manuel Lueiro Rey, en horario de 09.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.30 horas. Os debuxos deberán estar presentados nun folio DIN A4 e, a ser posible, totalmente debuxados. As obras deberán levar na parte posterior do folio o nome e apelidos do/a participante, así como o curso e o centro educativo onde está matriculado/a.
O premio para o debuxo gañador será un lote de libros, material escolar e a súa publicación en forma de postal do Nadal dixital, que utilizará o Concello do Grove para realizar as felicitacións oficiais do Nadal. Todos os debuxos participantes serán expostos na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey entre o 5 e 23 de decembro. O ditame do xurado darase a coñecer o venres 2 de decembro e a entrega de premios será o sábado día 10 dese mesmo mes.