A Escola de Saúde para Cidadáns impartirá un taller sobre hábitos de vida saudable
Fecha: 2011-11-03
O vindeiro 23 de novembro, a Concellería de Sanidade do Concello do Grove e a Escola Galega de Saúde para Cidadáns organizarán no Grove o taller Hábitos de vida saudables desde a infancia á idade adulta. Terá lugar entre as 16.30 e as 20.30 horas na Casa da Terceira Idade do Grove, e estará dirixido á cidadanía en xeral. Entre os temas que se tratarán no taller encóntranse o papel dos hábitos alimentarios e da actividade física no crecemento e no desenvolvemento, na saúde e na prevención de enfermidades.
Os obxectivos deste taller son concienciar a poboación da importancia de practicar hábitos saudables e mellorar a calidade de vida contribuíndo á prevención de enfermidades e adquirindo habilidades para o autocoidado da saúde.
Ao taller poderá acudir un número máximo de 30 participantes, que poderán apuntarse ata o 23 de novembro na páxina web www.sergas.es/escolasaude ou nas dependencias municipais.
A Escola Galega de Saúde para Cidadáns é unha iniciativa pioneira impulsada polo Sergas que funciona desde o mes de novembro de 2010. Trata de formar a cidadanía para fomentar unha sanidade de máis calidade e máis segura.