Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O Concello do Grove convoca o I Concurso de Relato Curto para bacharelato e segundo ciclo da ESO

Fecha: 2011-11-03

O Concello do Grove convoca a primeira edición do concurso de relato curto destinado ao alumnado de bacharelato e de segundo ciclo da ESO que estea matriculado nalgún dos centros da localidade. O obxectivo que se persegue coa convocatoria deste concurso é motivar o estudantado dos últimos cursos cara á escritura creativa e no gusto pola lectura. Os premios en cada unha das dúas categorías será a publicación do relato na revista local Sustansia do mes de abril, coincidindo coa celebración do Día do Libro e do Día do Libro Infantil; 100 euros en cheques-regalo e un lote de libros.

 

As persoas interesadas poderán participar cun microrrelato orixinal, inédito e da súa autoría, que non fose premiado en ningún outro concurso. O tema será libre e a extensión de entre 400 e 600 palabras, escritas en ordenador con letra Arial de 11 puntos e a dobre espazo. O relato entregarase, sen asinar, impreso por triplicado e en arquivo electrónico (CD), en formato Word nun sobre. Así mesmo, anexarase unha plica en cuxo exterior constará unicamente o título e o lema e no seu interior o lema e o título, xunto co nome, apelidos, enderezo, teléfono e correo electrónico do autor ou autora, así como o nome do centro educativo.

 

Os traballos entregaranse no propio centro escolar, e o persoal municipal designado pasará a recollelos o 29 de febreiro de 2012 ás 13.30 horas. O ditame do xurado farase público a primeira semana de marzo e a entrega de premios terá lugar o día 2 de abril de 2012, coincidindo coa conmemoración do Día do Libro Infantil.

 

Desde o Concello do Grove, a responsable de Educación, Laura Besada, anima a todos os rapaces a participaren no concurso. “É importante que deixen voar a súa imaxinación e a súa creatividade. Máis que os premios en cheques-regalo, o que de seguro será unha satisfacción é ter a oportunidade de ver os relatos publicados nunha revista local e que os seus pais, familiares, amigos e veciños coñezan o seu traballo”. Neste sentido, desde o Concello do Grove agradecen a colaboración da revista Sustansia.

 

Bases do concurso