Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

Excelente aceptación da poboación aos novos servizos ofrecidos pola biblioteca municipal

Fecha: 2011-11-14

O novo modelo organizativo implantado na biblioteca municipal do Grove comeza a dar os primeiros froitos e os cambios realizados son recompensados cun notable aumento no número de visitantes e usuarios dos diferentes servizos.

Desde o pasado mes de xuño apostouse de xeito firme por fomentar o uso das dúas bibliotecas municipais, polo que foi necesario emprender unha serie de cambios para facelas máis funcionais e adaptadas ás necesidades cambiantes da cidadanía, incrementando os seus servizos. Estes cambios fóronse realizando paulatinamente e incluíron:

  • Reorganización de todos os espazos da biblioteca, separando a aula de estudo para unha zona máis tranquila.

  • Adecuación dunha aula infantil, con novo mobiliario e zona de bebeteca, que foi inaugurada recentemente coincidindo co aniversario da biblioteca.

  • Reimplantación do acceso público a Internet, con ordenadores de uso público e contratación dunha liña Wi-Fi para os usuarios.

  • Novos servizos: formación de usuarios, dinamización lectora, servizo de referencia especializada, sección de novidades e libros máis lidos...

Asemade, comezouse a poñer en marcha unha política de actualización dos fondos, sobre todo no relativo a adquisición de literatura infantil e xuvenil, narrativa e best-sellers en castelán e en galego.

En apenas catro meses, conseguiuse un considerable incremento da colección, que repercutiu nun notable aumento de novos usuarios e na volta de lectores ao servizo de préstamo.

Os datos

 

do 1 de xuño a 30 de outubro

2010

2011

incremento

adquisicións

87

510

486%

novos socios

44

88

100%

 

setembro-outubro

2010

2011

incremento

visitantes

891

1311

47%

préstamos

261

479

84%

A zona da bebeteca converteuse nunha das que recibe máis visitantes, grazas á implicación dos pais e das nais, que cada día acompañan os pequenos e pequenas e pasaren unhas horas de lecer compartindo lecturas e actividades.

Tamén creceu considerablemente o número de usuarios do servizo de préstamo, que poden facer as súas suxestións de adquisición a través das desideratas ou do persoal da biblioteca.

A disposición de ordenadores de uso público e a posta en marcha dunha rede Wi-Fi estable e sen limitación horaria son outros servizos que atraen novos usuarios para realizar traballos, consultar o correo electrónico, ler a prensa diaria ou consultar ofertas de emprego, entre outros.

Pese aos logros, a Rede de Bibliotecas do Grove, dependente da Concellería de Novas Tecnoloxías, Documentación e Patrimonio, non descansa e segue a traballar para incorporarse ao actual modelo de biblioteca: a biblioteca como produtora, provedora e democratizadora da información; como espazo de formación e desenvolvemento persoal e como punto de encontro e espazo cultural de proximidade.