O Concello organiza dous obradoiros sobre a saúde e a sexualidade dirixidos ás mulleres
Fecha: 2011-11-15
O Centro de Información ás Mulleres e o Servizo de Prevención do Concello do Grove ofertan os talleres Muller: sexualidade, autorresponsabilidade e saúde co obxectivo de fomentar entre as mulleres a adquisición de costumes e habilidades con respecto á súa saúde, reforzar aquelas que xa se teñen e proporcionar coñecementos que preveñan condutas de risco e axuden a tomar decisións.
As destinatarias son mulleres en xeral, resaltando a importancia que cada unha ten como transmisora de valores e modelos en calquera dos seus ámbitos e situación persoal: laboral, das amizades, familiar (coa parella, como nai, como avoa...), no asociacionismo, no día a día das relacións.
Os obradoiros constan de dúas sesións, dunha hora e media cada unha, onde se tocarán contidos referentes aos comportamentos: autorresponsabilidade e autoprotección, habilidades sociais e autoeficacia, asertividade, autoestima; a muller madura como transmisora de modelos de saúde e sexualidade responsable; métodos de protección e anticonceptivos; a toma de decisións; a presión social, do grupo etc.
Realizaranse dous talleres, un deles en colaboración coa Asociación de Mulleres Rurais A Lagoa, que terá lugar na casa da cultura de San Vicente os mércores 16 e 23 de novembro, en horario de 19.30 a 21.00 horas. O outro taller realizarase na casa da cultura do Grove, os xoves 17 e 24 de novembro, en horario de 19.30 a 21.00 horas.
Non é preciso inscribirse, e os teléfonos de contacto para máis información son:
986 730 900 Centro de Información ás Mulleres (Casa Azul)
986 731 614 Servizo de Prevención (SPAD Lordelo)