A biblioteca do Grove amplía o seu horario para que os estudantes poidan preparar os seus exames
Fecha: 2011-11-17
O Concello do Grove anuncia a ampliación do horario da biblioteca municipal do Monte da Vila para lles dar resposta ás necesidades e demandas do estudantado da localidade.
Entre o 21 de novembro e o 18 de decembro, a biblioteca municipal abrirá de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas de luns a venres, mentres que os sábados e domingos o horario será de 10:00 a 14:00 horas.
Segundo a consulta realizada aos centros educativos da vila, a vindeira semana comeza o primeiro período de exames para o alumnado da ESO, bacharelato e universidade. Por este motivo, a biblioteca decidiu ampliar o seu horario co fin de que os e as estudantes dispoñan de máis tempo para prepararen as probas.
Cabe destacar que é a primeira vez que a biblioteca municipal do Grove abre as súas instalacións en domingo, polo que aínda se descoñece que aceptación terá esta medida entre o estudantado. Desde o Concello confían en que esta iniciativa sexa do agrado dos usuarios e que a flexibilidade do horario lles facilite un pouco o labor de preparación dos seus exames.
Outra das novidades postas en marcha recentemente foi a creación, na casa da cultura do Grove, dunha aula de estudo independente da sala de lectura, que garante a independencia e o silencio indispensables para o estudo e a concentración.