Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

Alumnado de infantil das escolas Monte da Vila e Rosalía de Castro participan nun obradoiro de xoguetes

Fecha: 2011-11-29

O Concello do Grove, en colaboración co Instituto Galego de Consumo, acolle o venres 2 de decembro o programa InfonadalConsumo, que consiste en impartir talleres de elaboración de xoguetes para os máis pequenos e un obradoiro sobre a seguridade dos xoguetes para as nais e os pais dos alumnos.

 

Preto de noventa alumnos de 3 a 5 anos participarán o venres no taller de elaboración de xoguetes, que se desenvolverá durante a xornada escolar na escola infantil Monte da Vila e no CEIP Rosalía de Castro. A segunda parte da actividade organizarase o venres pola tarde, ás 17.30 horas, na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey. As nais e os pais asistirán a un seminario que resolverá todas as dúbidas existentes sobre a seguridade dos xoguetes e as características que deben ter para adaptárense ás necesidades dos seus fillos.

 

As persoas que queiran participar pódense inscribir na Oficina Municipal de Información ao Consumidor, na Casa Azul; no teléfono 986 730 609 ou no enderezo electrónico omic@concellodogrove.com. Desde o Concello do Grove animan a todos os pais e nais a participaren nesta actividade, xa que o Nadal está preto e con el a época do ano máis propicia para elixir e mercar os xoguetes.

 

Esta actividade forma parte da Guía de actividades municipais para centros escolares, elaborada polo Concello do Grove. O obxectivo desta guía é reunir, nun só documento, toda a información sobre a oferta municipal de actividades escolares, co obxectivo de potenciar e facilitar a participación de toda a comunidade educativa da localidade. Xa son varios centros os que fixeron as súas solicitudes para o curso e así, ademais de talleres de consumo, tamén se organizarán actividades de primeiros auxilios, educación viaria, etnografía y concursos de relatos...