Nadal na biblioteca
Fecha: 2011-12-05
O Concello do Grove programa para as vacacións de Nadal unha ampla e atractiva programación de actividades para os nenos de 4 a 10 anos, co obxectivo de que gocen das festas con talleres que esperten a súa creatividade e fomenten o seu gusto pola lectura. Con moita imaxinación e aproveitando ao máximo todos os recursos municipais, o Concello do Grove aposta polos monicreques, os contos, os xogos, actividades e outras sorpresas para que a xente máis nova aproveite ao máximo as vacacións na Biblioteca Municipal do Grove.
A programación comeza o 22 de decembro cunha tarde de Nadal con Gogue e coa compañía da Illa dos Nenos. A partir das 17.30 horas, haberá unha clase maxistral de Speed Painting co debuxante meco. Está destinada para todos os públicos. O coñecido caricaturista amosaralles aos asistentes como facer arte cun ordenador e un editor de imaxe, creando en directo personaxes como Batman, Spiderman ou Piratas do Caribe. Para nenos de 4 a 12 anos, a Illa dos Nenos porá en escena un espectáculo no que mestura a maxia, o teatro e os monicreques creando un dinamismo continuo enriba do escenario.
As mañás de Nadal arrancan o 26 de decembro. Desenvolveranse de 10.30 a 13.00 horas, e ata o 4 de xaneiro. Todas as actividades son gratuítas. As persoas interesadas en participar xa se poden anotar na Casa de Cultura do Grove. Os nenos elaborarán os seus propios marcapáxinas; cociñarán sen lume con Nicolás; gozarán dun Nadal divertido con Kika Superbruja e outros personaxes; farán unha viaxe de lectura no tren; descubrirán os personaxes de cine no Nadal; crearán sacapenas; aprenderán como facer bonitas bólas de neve con personaxes de Nadal e esperarán aos tres Reis Magos de Oriente con contos, xogos e actividades.
Os Reis Magos tamén teñen e-mail
Inmersos na promoción das novas tecnoloxías, os Reis Magos de Oriente poñen á disposición dos nenos do Grove un enderezo de e-mail a través da páxina web do Concello. Os rapaces poden utilizar a aula de informática da Rede de Bibliotecas do Grove para achegarlles todas as súas peticións. O enderezo é reismagos@concellodogrove.com.
Postais de Nadal
Por outra banda, na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey xa están expostas as ilustracións da décimo terceira edición do Concurso de Postais do Nadal, ata o vindeiro 23 de decembro. O sábado 17 de decembro, ás 12.00 horas, entregaranse na instalación cultural o premio ao gañador ou gañadora do concurso e dez accésits a outros tantos nenos pola súa participación. O premio para o debuxo gañador será un lote de libros, material escolar e a súa publicación en forma de postal do Nadal dixital, que utilizará o Concello do Grove para realizar as felicitacións oficiais destas festas.
Consulte toda a programación na seguinte ligazón: