Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

A biblioteca municipal do Grove é premiada no Concurso Nacional María Moliner en recoñecemento da súa actividade desde o mes de xuño

Fecha: 2011-12-19

A Biblioteca Municipal do Grove é premiada no concurso María Moliner, concurso de animación á lectura concedido polo Ministerio de Cultura para concellos con menos de 50.000 habitantes. O concelleiro de Documentación, Novas Tecnoloxías e Patrimonio, Alexandre Aguín, salienta a importancia deste recoñecemento que pon de manifesto o importante esforzo que nestes meses se estivo a facer para fomentar a lectura e o uso da biblioteca municipal como un lugar dinamizador, atractivo e divulgativo. Deste xeito, o edil dálle a “en hora boa ao equipo da Rede de Bibliotecas do Grove pola súa iniciativa, polo seu traballo e pola súa implicación con este proxecto”.

O premio María Moliner, ademais de ser un recoñecemento ao bo traballo, tamén supón a ampliación do fondo bibliográfico con novos títulos. Desde a chegada do novo goberno ao Concello do Grove, algunhas das iniciativas postas en marcha na Rede de Bibliotecas municipal son a bebeteca, que día tras día gaña novos usuarios; adquisición de novos títulos bibliográficos, reforzando o estante de novidades; creación dunha sala de estudo, independente da sala de lectura de adultos; ampliación do horario da biblioteca en época de exames, abrindo incluso os domingos en horario de mañá; programación lúdica e infantil durante o Nadal… Todas estas accións permitiron aumentar de xeito notable non só o número de visitantes, senón tamén o número de usuarios, de préstamos e ampliar as idades dos socios da biblioteca.

O proxecto de dinamización lectora premiado ten como obxectivos xerais estimular e inculcar, en todos os sectores da poboación o hábito da lectura. Trátase de promover a actividade lectora como unha actividade que achega numerosos beneficios para a persoa, contribuíndo ao seu desenvolvemento intelectual, emocional, social e cultural. É necesario que a xente aprenda a apreciar a lectura como fonte de información, de formación e de entretemento.

Para iso, a biblioteca organiza unha serie de actividades que amosan o valor que a actividade lectora posúe e como se complementa con outras actividades artísticas como a narración oral ou as exposicións.