Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

Xogos, espectáculos, lingua e diversión este Nadal na casa da cultura do Grove

Fecha: 2011-12-21

A Rede de Bibliotecas do Grove comeza na tarde deste xoves as súas actividades para o Nadal cunha primeira cita que non debemos perder. A partir das cinco e media da tarde, no salón de actos da Casa de Cultura Manuel Lueiro Rey, A Illa dos Nenos, empresa marinense dedicada ao mundo da animación, porá en escena a obra Uxío no país de Patadecabra, un espectáculo de monicreques cheo de sorpresas e ilusión, que fará as delicias de toda a familia.

Pouco despois, no mesmo lugar, o coñecido caricaturista grovense Gogue daralle renda solta á súa creatividade e amosaralle ao público asistente como facer arte cun ordenador e un editor de imaxe. Deste xeito, e como por arte de maxia, creará personaxes como Batman, Spiderman, Tintín ou Piratas do Caribe. Entre o público asistente a esta actividade e á de A Illa dos Nenos sortearanse catro CD animados e cinco libros das Historias Floreánicas II, de Gogue.

Sen saírmos do mesmo escenario, o Servizo de Normalización Lingüística municipal organizou dúas actividades de dinamización lingüística para os nenos e nenas da localidade, que terán lugar a vindeira semana. Nunha primeira sesión, a tarde do mércores 28 de decembro, a actividade de promoción da lingua galega consistirá nun obradoiro de creación literaria e escrita creativa impartido pola poeta Elvira Riveiro, que achegará a rapazada á linguaxe dun xeito divertido e enriquecedor. Pola súa vez, o xoves 29 ás cinco e media da tarde, a contadora Raquel Queizás representaranos na biblioteca do Grove os seus Contos do Cestiño, unha sesión de contacontos dirixida aos máis miúdos da casa, pero á que tamén están convidados os pais, avós e irmáns.

Estas dúas actividades do SNL, que se suman á campaña das cartas aos Reis Magos en galego posta en marcha estes días, pretenden o achegamento da lingua galega á xente máis nova da casa, xustamente a franxa de idade en que o galego ten menos presenza e necesita ser impulsado. Cómpre salientar tamén que estas accións se están a desenvolver en colaboración coa Rede de Bibliotecas do Grove, deste xeito, nunha mesma actividade promóvese a utilización da nosa lingua e incídese tamén na animación á lectura e no gusto por contar historias, ao que se anima tamén aos pais e avós.