Lingua e diversión na casa da cultura do Grove
Fecha: 2011-12-26
O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello do Grove, dependente da Concellería de Documentación, organizou esta semana dúas actividades de dinamización lingüística para os nenos e nenas da localidade que se van desenvolver na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey. Nunha primeira sesión, este mércores 28 de decembro, ás 17.30 h, a actividade de promoción da lingua galega consistirá nun obradoiro de creación literaria impartido pola profesora e poeta Elvira Riveiro, quen achegará a rapazada á linguaxe dun xeito divertido e enriquecedor. Dirixido a nenos e nenas a partir de 8 anos, trátase dun obradoiro participativo onde os nenos e as nenas se implican facendo as súas propias creacións e a monitora os guía e lles mostra a maxia das palabras. Traballarán con xogos da linguaxe e recursos estilísticos que destacan o elemento fónico das palabras. Tamén se lle concederá importancia á imaxe, pois a xente nova está máis familiarizada coa linguaxe visual. Algúns dos xogos literarios que se farán están inspirados no libro da propia Elvira Riveiro Palabras brancas, finalista do Premio Merlín de literatura infantil no ano 2007.
Pola súa vez, o xoves 29, á mesma hora e no mesmo lugar, a contadora Raquel Queizás representaranos na biblioteca do Grove os seus Contos do Cestiño, unha sesión de contacontos dirixida aos máis miúdos da casa, pero á que tamén están convidados os pais, avós e irmáns.
Estas dúas actividades do SNL, que se suman á campaña das cartas aos Reis Magos en galego posta en marcha hai uns días, pretenden o achegamento da lingua galega á xente máis nova da casa, a franxa de idade en que o galego ten menos presenza e máis necesita ser impulsado.