Aberto o prazo de preinscrición nos cursos Celga
Fecha: 2012-01-11
O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello do Grove abre o prazo de preinscrición para as solicitudes de cursos de lingua galega para persoas adultas.
A Secretaría Xeral de Política Lingüística acaba de publicar a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios para as probas dos niveis Celga para particulares e colectivos de Galicia (DOG núm. 5, do 9 de xaneiro de 2012).
O SNL do Concello do Grove vai solicitar que algún dos cursos Celga 3 ou Celga 4 se poidan impartir no noso concello, para o que lles pide a todas aquelas persoas interesadas que se dirixan ao SNL a través do enderezo electrónico
normalizacionlinguistica@concellodogrove.com ou do teléfono 986 733 190, para consultar cantas dúbidas teñan a este respecto e para anotarse.
O prazo para realizar a solicitude remata o vindeiro 29 de xaneiro, e na petición deberán constar os seguintes datos: nome completo, DNI, número de teléfono de contacto e enderezo electrónico (se o teñen) e o curso Celga (3 ou 4) que desexan facer.
A realización dos cursos no Grove dependerá de que haxa un número suficiente de inscricións, polo que desde o SNL se anima a toda a cidadanía que queira mellorar a súa competencia en lingua galega a que solicite esta actividade formativa. En función da demanda, poderanse solicitar un ou os dous cursos de diferentes niveis.
Os cursos son de acceso libre e gratuíto, e desenvolveranse entre mediados de marzo e o 30 de maio, nos horarios que mellor lles conveñan á maioría das persoas inscritas.
Por outra banda, tamén existe a posibilidade de asistir a algún dos cursos preparatorios para o Celga 1, 2, 3 e 4 convocados xa e que se impartirán nas principais cidades de Galicia (a máis próxima á nosa vila é Pontevedra). Para solicitalos, as persoas interesadas poderán facer unha solicitude individual (segundo o anexo I da convocatoria).
O texto íntegro da convocatoria pódese consultar na seguinte ligazón:
http://www.xunta.es/linguagalega/arquivos/FormacionCelga_2012.pdf
Para máis información, poden contactar co SNL na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey (r/ Mónte da Vila, 11) ou no teléfono 986 733 190.