A Concellería de Educación traballa na posta en marcha do Programa Madruga no CEIP Valle-Inclán
Fecha: 2012-01-16
O Concello do Grove, a través do departamento de Educación, está traballando na posta en marcha do programa madruga no CEIP Valle-Inclán en colaboración coa Asociación de Nais e Pais do centro. A aposta pola implantación deste programa xorde ante a necesidade de arbitrar mecanismos de educación complementarios que favorezan a compatibilidade dos horarios laborais dos pais coas xornadas educativas dos alumnos dos centros educativos e, polo tanto, como resposta ás novas demandas sociais. O programa comezará a funcionar coa maior brevidade posible. A falta de acordar os últimos detalles para a súa posta en marcha, o que si está decidido é que se desenvolverá nunha das aulas do comedor escolar -a que este verán rematou de acondicionar o Concello-. O servizo estará dispoñible desde as 7.30 horas e ata o inicio das clases, que coa implantación da xornada continua este curso se establece nas 9.40 horas. Desde o Concello do Grove xa se aprobou o prezo público do servizo, que será de 30 euros ao mes, agás no caso de subscribirse ao programa máis dun irmán ou de pertencer a unha familia numerosa ou monoparental. Nestes supostos, aplicarase unha redución do 20%. Ademais dos usuarios habituais, o Concello tamén porá á disposición das familias bonos para que poidan utilizar o servizo en días soltos, no caso de que apareza unha urxencia ou se cree unha necesidade concreta nun día determinado. Segundo explica a concelleira Laura Besada, “unha vez que se pon en marcha o servizo, o importante é que cubra todas as necesidades posibles. Ben sexan necesidades diarias, de luns a venres e durante todo o mes, pero tamén esas urxencias dun día concreto no que os pais deben facer calquera trámite administrativo, médico ou incluso laboral”. Os prazos marcados pola concellería de Educación son que na próxima semana se informe aos pais do centro, coa colaboración da ANPA, para comezar de xeito inmediato coas inscricións.