O Concello inviste 10 000 euros para conectar o CEIP Conmeniño á rede xeral de auga
Fecha: 2012-01-20
O Concello do Grove rematou as obras para conectar o CEIP Conmeniño coa rede xeral de augas, actuación coa que se responde o compromiso adquirido polo alcalde, Miguel Ángel Pérez, e pola concelleira de Educación, Laura Besada, coa directiva do centro e coa Asociación de Nais e Pais de Alumnos, que levaban varios anos denunciando o perigo que supoñía para a saúde dos alumnos o consumo da auga no colexio, xa que o depósito de auga de poliéster que ata agora almacenaba a auga da traída estaba deteriorado, con fendas pola que saía a auga e con grandes posibilidades de facela daniña para a saúde.
A obra, que se executou nesta primeira quincena de xaneiro, contou cun orzamento de 10 000 euros e permitiu conectar o centro directamente coa rede municipal de augas, o que evita o uso do depósito. Ademais de mellorar as condicións da auga, cunha subministración mellor e de calidade, esta obra tamén permite un importante aforro enerxético, xa que se elimina o funcionamento dos dous motores que bombeaban a auga ata o devandito depósito.
A principios de curso, o alcalde e a concelleira reuníronse coa dirección do centro e coa ANPA para tratar este tema, e compartiron a súa preocupación pola situación. Comprometéronse a executar esta obra tan pronto os orzamentos o permitisen, e esta é, deste xeito, a primeira obra executada en 2012.
Outras actuacións que se levaron a cabo este curso no CEIP Conmeniño foron na sala de psicomotricidade, onde se solucionaron os problemas na tarima, ocasionados pola humidade, e se aumentou o número de focos de luz para aumentar o uso do local, xa que é o lugar onde xogan os alumnos máis pequenos do centro en caso de choiva. Tamén se eliminaron os valos rotos e oxidados da parte traseira do recinto, que non tiñan ningunha función e que, ademais, tamén supoñían un perigo para os alumnos do centro.