Programa do Entroido 2012
Fecha: 2012-01-27
A Concellería de Cultura do Concello do Grove presenta o programa do Entroido 2012, que se desenvolverá na vila entre o 16 e o 26 de febreiro e que este ano se define como unha homenaxe ao recentemente falecido Manuel Rodríguez Juncal, El Zorro. O responsable deste departamento, Carlos Otero, animou a veciñanza a participar nos diferentes actos incluídos neste programa, que o Concello organiza coa colaboración da Asociación Cultural Roza do Pedrol, a Asociación de Veciños de As Besadas e Emgrobes.
O Entroido 2012 arrincará no Grove o vindeiro 16 de febreiro coa celebración do Xoves de Compadres e Comadres, que terá como sedes os restaurantes Casa Campaña no caso delas, e Faro 2 e Don Mexilón no deles. As persoas interesadas poden reservar praza nos mencionados locais.
O venres 17 terá lugar o Desfile Infantil de Disfraces, que se completará cunha festa para os máis pequenos na que haberá xogos populares, globoflexia, concursos de disfraces e degustación gratuíta de filloas e orellas. Ademais, nesta xornada terá tamén lugar a lectura do bando e do pregón do Entroido e a presentación da Sardiña Meca.
O sábado 18 celebrarase un dos actos máis destacados do carnaval grovense, o Festival de Comparsas, para o que xa se atopa aberto o prazo de inscrición, e no que participarán este ano un máximo de dez agrupacións. O certame comezará ás oito e media da tarde no pavillón municipal e nel realizarase unha homenaxe a Manuel Rodríguez Juncal, un dos impulsores da mítica comparsa do Coral dos Nenos Cantores de Puerto Piojo, famoso por participar no Entroido meco caracterizado como El Zorro. A diferenza de anos anteriores, as comparsas reuníranse directamente no Monte da Vila e non no Corgo e as súas composicións serán gravadas en CD e DVD neste mesmo evento. O canal de televisión Rías Baixas emitirá o domingo 19 este festival.
Ao día seguinte, domingo 19, a actividade continuará no pavillón de deportes coa celebración do Festival Infantil de Disfraces, con entrada de balde, no que a animación correrá a cargo de Javi Solla; mentres que o martes 21 celebrarase outro dos actos máis destacados destas festas, a Gran Marcha do Entroido Meco. Quen desexen participar nesta marcha polo Sambódromo Meco deberá inscribirse na praza do Corgo a partir das 15.30 horas. Ás cinco da tarde empezará o desfile polas principais rúas da vila, quen desexe optar aos diferentes premios deberá completar un mínimo de dúas veces o percorrido. (Consulte aquí a listaxe de premios por categorías)
A actividade retornará o venres 24 co Enterro da Sardiña Meca, que será velada desde ás 19.30 horas na Praza de Arriba, e posteriormente incinerada na zona portuaria.
Na fin de semana o Entroido trasladarase a San Vicente, onde se celebrará unha concentración de choqueiros, actuacións de comparsas e a queima dos vimbios na xornada do sábado 25 e outro recital de comparsas na Casa da Cultura Ángel Vázquez Hereder na mañá do domingo 26. Esta será a última xornada do Entroido 2012 no Grove e acollerá tamén a celebración na Praza de Arriba do Festival do Domingo Oleiro a partir das cinco e media da tarde.