Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

Once agrupacións presentaron a súa inscrición para o Festival de Comparsas 2012

Fecha: 2012-02-09

 

Onte mércores, ás 14.00 horas, pechouse o prazo de inscrición no Festival de Comparsas Concello do Grove 2012, que se celebrará o vindeiro sábado 18 de febreiro no pavillón municipal do deportes. Este ano presentáronse un total de once solicitudes, un número superior ao máximo de agrupacións permitidas, que quedara fixado en dez nas bases do certame.

 

Nas bases tamén se estipulaba que no caso de que o número de inscricións superase esta cifra, como finalmente sucedeu, as agrupacións participantes serían seleccionadas por orde de inscrición, dándoselle prioridade ás comparsas da localidade. Isto provocou que a Concellería de Cultura tan só puidese admitir dúas das comparsas doutros municipios que presentaron a súa solicitude, Os Trancheiros, de Vilaxoán, e Os Golfiños, de Vilanova de Arousa.

 

As oito agrupacións restantes son da localidade: As Plus, Os Garoulos, Os Güeros, Os da Bayuca, As do Faro de Virjo, As do 808 Linga Punk, Os Firrás e Os Groveiros. Estas dúas últimas comparsas solicitaron estar presentes no festival fóra de concurso, posibilidade recollida nas bases, mentres que cinco das agrupacións locais que optarán á Bandeira do Entroido xa estiveron presentes na anterior edición do certame –ao igual que Os Trancheiros e Os Golfiños-. A única novidade é a comparsa As do Faro de Virjo, que foi inscrita pola mesma persoa que exerce como responsable de As do 808 Linga Punk.

 

Segundo o indicado na folla de inscrición, Os Güeros será a comparsa máis numerosa, con 80 integrantes; seguida polos 55 membros de Os da Bayuca e os 50 de Os Garoulos.

 

A orde de actuación neste Festival, que comezará ás 20.30 horas e no que se realizará unha homenaxe á figura do recentemente falecido Manuel Rodríguez Juncal, El Zorro, quedará fixada no sorteo que terá lugar o vindeiro luns 13 de febreiro, ás 20.00 horas no salón de plenos do Concello.

 

Cada agrupación, que deberá estar formada por un mínimo de quince persoas, disporá neste festival dun tempo máximo de 25 minutos para a súa actuación, que comprenderá desde que os seus integrantes suban ao escenario ata que o abandonen.

 

Un xurado, composto por un total de nove persoas, divididas en tres bloques de tres membros, encargarase de avaliar os seguintes aspectos das actuacións: interpretación, vestiario e crítica. No seu bloque correspondente, os membros do xurado outorgaranlle a cada comparsa unha puntuación comprendida entre o 1 e o 10 –que non poderán repetir–, e o concelleiro de Cultura, Carlos Otero, que exercerá como secretario –sen voto– do certame, será o encargado de sumar as diferentes puntuacións e redactar a acta do festival. A comparsa gañadora recibirá un premio de 1.100 euros, un diploma e a Bandeira do Entroido 2012; mentres que a segunda clasificada obterá 950 euros e un diploma, e a terceira, 850 euros e diploma. O resto percibirán 350 euros e un diploma.