Sorteada a orde de actuación no Festival de Comparsas
Fecha: 2012-02-14
Onte pola tarde tivo lugar no salón de plenos da Casa do Concello o sorteo da orde de actuación das comparsas participantes no festival do vindeiro sábado 18, que disporán dun tempo máximo de 25 minutos desde que suban ao escenario do pavillón ata que o abandonen. Decidiuse tamén que se encargasen de abrir o certame as dúas agrupacións que participan fóra de concurso. Así pois, a orde será a seguinte:
- Os Groveiros (fóra de concurso)
- Os Firrás (fóra de concurso)
- As do 808 Linea Punk
- Os Golfiños
- Os da Bayuca
- As Plus
- Os Trancheiros
- Os Garoulos
- Os Güeros
- Marajota e Media
Este ano, ao contrario que en anteriores edicións, o espectáculo será gravado en directo, para a súa posterior edición en CD e DVD, e Hugo Andrade, presentador das últimas galas de Nadal de Emgrobes, será o encargado de conducilo. Ademais, será emitido polo Canal Rías Baixas o domingo 20, a partir das 22.00 horas, e o luns 21, a partir das 14.30 horas.
Ao remate das actuacións e antes de coñecerse o veredito, farase unha homenaxe a Manuel Rodríguez Juncal, El Zorro, a quen O Grove lle dedica o Entroido 2012.
A comparsa gañadora, ademais de recibir a Bandeira do Entroido 2012 de mans do alcalde, tamén levará un premio económico de 1.100 euros; mentres que a que se clasifique en segundo lugar obterá 950 euros e un diploma; e a terceira, 850 euros e un diploma. O resto das agrupacións participantes percibirán 350 euros e un diploma.