Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O Concello do Grove vai incidir na substitución dos equipos de iluminación por outros máis eficientes

Fecha: 2012-02-16

 

Unha das actuacións nas que o goberno municipal vai centrar o seu esforzo de cara a rebaixar os gastos será rebaixar a factura enerxética, que é un dos capítulos de gasto máis importantes que soporta o concello.

 

Para iso revisarase toda a rede de iluminación pública co obxecto de facela o máis eficiente posible e irá, na medida das posibilidades que temos, mellorándose onde se necesite, cambiando equipos e lámpadas que estean vellas ou sexan inapropiadas por outras máis modernas e coa potencia adecuada ao lugar que deben alumear, tendo especial coidado de non excederse. A regulación e conseguinte redución naqueles trazados que conten con equipos adecuados mais a combinación con horarios axeitados á necesidade será outra vía para utilizar en adiante.

 

Nos parques públicos, paseos e zonas verdes substituiranse as luminarias tipo “globo” -de baixa calidade óptica e alta contaminación lumínica, cun alto índice de fluxo lumínico no hemisferio superior- por outras de maior eficiencia e menor contaminación. Estes farois están a distribuírlles máis luz ás árbores e ás fachadas que aos viandantes. Xa que logo, cambiaranse por luminarias de “copete” e asemade aproveitarase para cambiar as lámpadas de 250 w por outras que con 75 w conseguen o mesmo efecto cara ás beirarrúas e viandantes. O resultado será menor consumo e maior duración.

 

Substituiranse tamén as últimas luminarias de vapor de mercurio que quedan no concello (ponte da Toxa) por outras de maior rendemento con menores consumos, e instalaranse equipos redutores e estabilizadores de tensión para conseguir un importante aforro.

 

Con todo, non se apagará a iluminación pública onde existan vivendas. Se alguén detectase ese problema na vía pública, debería comunicarllo aos servizos municipais, que actuarían de inmediato.

 

Revisaranse, por tanto, as instalacións en todas as rúas, barrios e parroquias para detectar onde existen deficiencias e onde hai exceso de luminarias co fin de optimizar os recursos e gastar unicamente o que necesitamos.

 

Rúa Castelao

Esta céntrica rúa do noso concello foi obxecto dun importantisimo investimento que ninguén solicitara (máis de 100.000 euros) nos finais do mandato anterior. Este feito motivou unha agre polémica, e o alcalde de entón afirmou que este investimento fora precisamente para cambiar lámpadas e pór equipos que ían supor un importante aforro enerxético, que nunca se produciu, posto que as lámpadas utilizadas son da mesma voltaxe que as que foron substituídas (as anteriores eran de sodio e de 250 w, e as introducidas son halóxenos cerámicos, pero tamén de 250 w), co que non se conseguiu ningunha eficiencia, como se afirmara.

 

Farase tamén unha revisión xeral de contadores e cadros eléctricos para adaptar as potencias contratadas e os tipos de tarifa aos consumos que necesitamos.

 

Algún dos lugares onde xa se están a aplicar estas medidas son a praza da República Arxentina, a rúa Luis Casais, O Montiño etc.

 

As medidas iranse implementando ao longo dos vindeiros meses, na medida do posible, cos propios operarios municipais e sen descartar a aplicación de plans máis ambiciosos que nestes momentos se están a estudar, naqueles lugares onde as instalacións sexan tan antigas que aconsellen cambios drásticos.