Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O Concello do Grove actualiza seis taxas para adecuar a recadación aos custos dos servizos e compensar o incremento do IPC desde hai anos

Fecha: 2012-02-23

 

O Concello do Grove presentará na sesión plenaria da vindeira semana a actualización de seis taxas municipais, unha actualización que pretende paliar o déficit que existe entre o que lle custa ao concello o servizo e a taxa que o cidadán paga por el. Segundo explican desde o Goberno municipal, é importante adecuar a recadación aos custos dos diferentes servizos para garantir que se presten coa mesma calidade e permitir manter e mellorar os programas, investimentos, obras e o resto de actuacións municipais.

 

Taxa por ocupación de dominio público municipal con mesas, cadeiras, quioscos e outras instalacións. Non se actualiza desde hai sete anos, polo que se fai necesaria unha revisión para introducir novidades na clasificación dos usos e unha actualización das tarifas, que seguirán sendo menores ao incremento do IPC experimentado desde entón.

 

Como novidades que introduce a ordenanza, prodúcese unha reclasificación dos usos aos que se destine o espazo público, integrando dúas clasificacións anteriores, e ademais inclúese un novo uso ao que se destine o espazo público que é o de “caixeiros automáticos, máquinas expedendoras de vídeos, bebidas ou calquera outro produto”, cunha tarifa de 60 euros por unidade ao ano. Igualmente introdúcese unha nova zonificación tributaria segundo as rúas, o que supón diferentes tarifas dependendo da situación. Así, distinguiranse as rúas, prazas e lugares situados nas zonas máis comerciais e turísticas do resto de rúas do centro urbano e do rural. Como exemplo, no caso das terrazas, as tarifas modificarase de 0,48 a 0,60 euros o metro cadrado nas zonas de tipoloxía A; pasará de 0,48 a 0,55 euros no resto do núcleo urbano; e manterase en 0,48 no rural.

 

Taxa por entradas de vehículos a través das beirarrúas e reserva de espazo para aparcadoiro, carga e descarga. A ordenanza leva sen actualizar desde hai catorce anos. Ao mesmo que no caso anterior, introdúcese unha ampliación de rúas na actual estrutura de discriminación tarifaria, e establécese un importe de 20 € pola tramitación da concesión e expedición de cada placa de vao. Diferéncianse dúas tipoloxías na reserva de espazo para entrada de vehículos. Para calquera das dúas zonas, o prezo da praza ao ano para uso doméstico ou comunitario increméntase en 0,50 euros ao mes. A actualización desta taxa leva aparellada a posta en funcionamento do guindastre municipal, para garantir ao usuario maior calidade no servizo.

 

Taxa por tramitación e expedición de documentos administrativos. O obxectivo é adecuar o importe das tarifas ao custo real que supón para o Concello a prestación deste servizo. Como novidades inclúense bonificacións pola expedición de certificados que sexan destinados á matriculación de alumnos en centros de ensino do Grove, os certificados obtidos mediante administración electrónica ou para casos excepcionais onde se poña de manifesto a imposibilidade de facer fronte ao pago da taxa.

 

Taxas de subministración de auga potable e Taxa pola prestación do servizo de redes de sumidoiros e depuración de augas residuais. Adaptaranse ao custo real que supón a prestación destes servizos para o Concello do Grove debido, entre outros, ao incremento do prezo de abastecemento de auga realizado pola Mancomunidade do Salnés ou ao incremento notable dos custos enerxéticos.

 

Igualmente, e en aras a unha maior transparencia na xestión do ciclo integral da auga que realiza o concello, proponse unha separación das tarifas da taxa por subministración de auga potable e das tarifas da taxa por depuración de augas residuais. A pesar de ser dous feitos impoñibles distintos, levaban unificadas desde o ano 2008.

 

As tarifas que determinan os consumos variables non se modifican. No que respecta á cota fixa mínima, na subministración de auga potable para usos doméstico redúcese de 20 a 15,12 euros e para a depuración de augas residuais para usos domésticos fíxase en 10 euros. Para unha familia, suporá aboar uns 2 euros máis ao mes entre as taxas de subministración e de depuración.

 

Como novidades que introducen as citadas ordenanzas da auga, contemplase a posibilidade de exencións no pagamento para casos excepcionais onde se poña de manifesto a imposibilidade de facer fronte ao pagamento das taxas.

 

Taxa por recollida de lixo. É un dos servizos máis deficitarios do concello, xa que hai que ter en conta o incremento da subida do canon de xestión que cobra Sogama, ou a suba dos carburantes. O incremento da taxa por recollida do lixo é acorde co incremento experimentado polo IPC desde o ano 2008, data da última modificación tarifaria. Esta circunstancia suporá que cada familia teña que pagar 4 euros máis ao ano. Destaca a desaparición da taxa por admisión de residuos no punto limpo. Igualmente contémplase a posibilidade de exencións no pagameto para casos excepcionais onde se poña de manifesto a imposibilidade de facerlle fronte ao pagamento da taxa.