O CEIP Valle-Inclán conta desde hoxe con Plan Madruga
Fecha: 2012-02-23
Dáse resposta a unha demanda da Asociación de Nais e Pais do centro
Permitirá conciliar os horarios laborais e escolares das familias do centro
O Concello do Grove, a través do departamento de Educación, inaugura hoxe o programa Madruga no CEIP Valle-Inclán. Os pais e nais que queiran anotar os seus fillos neste novo servizo municipal, que busca garantir a conciliación da vida laboral e familiar, poden realizar as inscricións na Casa do Concello. Trátase dun proxecto piloto que pretende comprobar as necesidades reais da implantación deste servizo. É a primeira vez que este servizo se pon en marcha no concello do Grove.
O programa desenvólvese nunha das aulas do comedor escolar -a que este verán rematou de acondicionar o Concello-. O servizo está dispoñible desde as 7.30 horas ata o inicio das clases, que coa implantación da xornada continua este curso se establece nas 9.40 horas. Durante este tempo, o alumando asistente practicará xogos cooperativos, manualidades, actividades de lecer…
As solicitudes presentaranse no Rexistro do Concello, achegando xunto con elas resgardo de matrícula escolar, unha copia do libro de familia, dos DNI da nai e do pai, o título de familia numerosa (de ser o caso) e unha fotocopia da cartilla da Seguridade Social do menor. O prezo do servizo é 30 euros ao mes, agás no caso de subscribirse ao programa máis dun irmán, de pertencer a unha familia numerosa ou monoparental. Nestes supostos, aplícase unha redución do 20%. Ademais dos usuarios habituais, o concello tamén porá á disposición das familias bonos de dez días para que poidan utilizar o servizo en días soltos, no caso de que apareza unha urxencia ou se cree unha necesidade concreta nun día determinado. Neste caso, o prezo por día de asistencia é 2,5 euros.