O Concello do Grove convoca o I Concurso de Fotografía Medioambiental para o alumnado dos últimos ciclos de primaria e secundaria
Fecha: 2012-02-24
O obxectivo é concienciar o alumnado sobre a necesidade de protexer o medio ambiente.
Os premios entregaranse o 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente.
O Concello do Grove convoca a primeira edición do Concurso de Fotografía Medioambiental destinado ás rapazas e aos rapaces dos últimos ciclos de primaria -5.º e 6.º- e da ESO -3.º e 4.º- que estean matriculados nalgún dos centros da localidade. O obxectivo que se persegue coa convocatoria deste concurso é conciencialos sobre as causas, os efectos e as solucións asociadas ao cambio climático e á perda da biodiversidade, e sobre a necesidade de comprometerse coa protección do medio ambiente e do contorno. Os premios en cada unha das dúas categorías serán cheques-regalo por valor de cen euros. Todas as fotografías formarán parte dunha exposición fotográfica que se realizará na Casa da Cultura do Grove.
As alumnas e os alumnos interesados poderán participar con ata dúas fotografías como máximo. As imaxes farán referencia á biodiversidade e a outros aspectos relacionados co medio ambiente do municipio: retratos naturais con imaxes que capturen recursos naturais de flora e fauna; boas prácticas medioambientais; ou imaxes que reflictan malas prácticas medioambientais. As fotografías deberán ser inéditas e non ter sido premiadas nin recoñecidas ou seleccionadas noutros certames ou convocatorias similares. Serán excluídas aquelas fotografías que sexan retocadas, collages, montaxes ou fotografías pintadas. O resto das bases pódense consultar na páxina web do Concello do Grove.
Os traballos entregaranse no propio centro escolar, e o persoal municipal designado pasará a recollelos o 30 de abril. O xurado valorará as fotografías en maio e no mes de xuño farase a exposición. A entrega de premios terá lugar o día 5 de xuño de 2012, coincidindo coa conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente.
Desde o Concello do Grove, a responsable de Educación, Laura Besada, anima a todas as rapazas e rapaces a participaren no concurso. “A través dunha actividade divertida -a fotografía-, o alumnado pasará un momento agradable e entretido, ao mesmo tempo que comprende e valora aa importancia de protexer a natureza e o noso contorno”, declara.