A actividade extraescolar Coñecendo e gozando da biblioteca conta cun novo grupo de participantes
Fecha: 2012-03-01
Trátase dunha proposta da concellería de Educación para espertar a imaxinación e a creatividade a través dos recursos que ofrece a lectura.
Está incluída na Guía de Actividades Municipais para este curso escolar.
Corenta alumnos presentáronse ao I Concurso de Relatos Curtos do Concello do Grove.
A Concellería de Educación pon en marcha hoxe un novo grupo da actividade extraescolar Coñecendo e gozando da biblioteca, coa participación de preto de dez nenos. Desde que se inaugurou a actividade en xaneiro, coas doce prazas dispoñibles cubertas, foron moitos os rapaces que se anotaron en lista de espera, o que favoreceu a decisión de formar un novo grupo co que dar resposta a esta demanda.
Este segundo grupo da actividade desenvólvese as tardes do xoves, de 17.30 a 18.30 horas, na aula infantil. Participarán preto de dez nenos, que se suman aos doce que xa acoden cada venres á Casa da Cultura para gozar das actividades que teñen preparadas.
Esta actividade extraescolar é unha proposta nova que pretende espertar a imaxinación e a creatividade mediante os recursos que ofrece a lectura; experimentar a biblioteca como un contorno máxico de encontro cos libros e con outros nenos e nenas; e establecer un primeiro contacto cos libros dunha maneira lúdica, facilitando o xogo. Os nenos atopan os xoves e venres actividades de carácter pedagóxico, con obradoiros lúdicos, animacións, xogos e manualidades de acordo coas súas idades.
Ademais desta actividade extraescolar, desde a Concellería de Educación tamén se ofrecen clases de natación na piscina de Cambados, que contan cunha importante axuda municipal para asumir os gastos de transporte. Un total de 45 rapaces aproveitan estas clases divididos en dous grupos, os martes e os venres.
Estas actividades extraescolares están incluídas na Guía de Actividades Municipais para Centros Escolares que elaborou o Concello do Grove, co obxectivo de reunir nun mesmo documento toda a oferta educativa e lúdica que as diferentes concellerías organizan para nenos de infantil, primaria, secundaria e bacharelato, ben sexa en actividades fóra do horario escolar ou en colaboración cos propios centros. En colaboración cos centros, xa se organizaron algunhas, como talleres de consumo, clases de seguridade viaria, a xornada Maxia Potaxia ou a visita do Carteiro Real aos centros.
Concursos
Tamén nesta guía están incluídos dous dos concursos escolares que están en marcha. Onte, mércores, rematou o prazo para participar no I Concurso de Relatos Curtos do Concello do Grove, destinado a alumnado de segundo ciclo da ESO e bacharelato. Preto de corenta alumnos presentaron os seus relatos. O xurado reunirase nos próximos días para ditaminar o gañador do concurso. O premio consiste na publicación do relato na revista local Sustansia do mes de abril, 100 euros en cheques regalo e lotes de libros.
Outro dos concursos convocados recentemente é o I Concurso de Fotografía Medioambiental, posto en marcha pola Concellería de Educación para fomentar o respecto e o coidado polo contorno entre o alumnado grovense. Está destinado a alumnado de 5.º e 6.º de primaria e 3.º e 4.º de secundaria, que poden presentar ata un máximo de dúas fotografías. As bases pódense consultar na páxina web municipal e nos centros escolares.