O Servizo de Prevención do Concello do Grove organiza unha sesión formativa para as nais e os pais do alumnado da ESO
Fecha: 2012-03-02
O Servizo de Prevención do Concello do Grove, en colaboración cos departamentos de Orientación do IES As Bizocas e do IES Monte da Vila, convocan os pais e nais do alumnado da ESO a unha sesión formativa que leva por título “Estilos de comunicación”.
Sabemos o que queremos dicirlles e o que nos gustaría que fixesen os nosos fillos/as, pero moitas veces cústanos facernos entender. En moitas ocasións actúamos coma se tivésemos medo ás súas reaccións, cústanos dicirlles o que queremos e temos dificultades para afrontar situacións que, por outra parte, temos moi claro que é necesario realizar.
Cando temos uns obxectivos claros con respecto á educación dos nosos fillos/as, é imprescindible que nos propoñamos unhas metas realistas e adecuadas á súa idade para podermos conseguir iso que pensamos que é bo para eles/elas.
Como dicirlles o que queremos sen ceder naquilo que realmente é importante é o que imos tratar cos pais/nais que acudan a esta sesión:
- Saber o que queremos conseguir: obxectivos claros.
- Realizar as peticións de forma adecuada: estilos de comunicación.
- Pedir algo que sexa posible realizar: metas realistas.
- Peticións adecuadas: que sexan claras e concretas, condutas observables e medibles, para calquera axente externo á unidade familiar.
A cita será na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey o vindeiro luns, 5 de marzo, ás seis e media da tarde.