A Concellería de Educación continúa cos labores de mantemento e mellora na Escola Infantil A Galiña Azul
Fecha: 2012-03-02
A actuación permite solucionar os problemas de humidades que solicitou a ANPA.
Xa se pode reservar praza no centro ata o 31 de marzo.
O Concello do Grove, a través da concellería de Educación, está levando a cabo obras de mantemento nas instalacións da Escola Infantil A Galiña Azul. Estas actuacións, executadas con fondos propios, permiten solucionar os problemas de humidade nunha das aulas, problemas que se arrastraban desde os últimos anos e que foron reclamados polos membros da asociación de nais e pais do centro. Ademais, dáse resposta a outras das necesidades de arranxo propostas pola dirección da escola para este curso.
Tal e como se comprometeron o alcalde Miguel Ángel Pérez e a concelleira Laura Besada nun encontro coa directiva da ANPA, os traballos de mantemento na Escola Infantil A Galiña Azul priorizaron a limpeza das canaletas e a eliminación da maleza para evitar a acumulación de auga e solucionar os problemas de humidades, e suxeitáronse as placas do falso teito da aula.
Entre as obras tamén se incluíu o pintado desa mesma aula e do corredor. No resto do centro, incluíronse traballos de carpintería e de fontanería en varias aulas, reposición de iluminación, colocación de bordes protectores en escaleiras…
Ademais destas actuacións puntuais, desde o Concello do Grove encárganse do mantemento mensual do patio e do xardín do centro, co obxectivo de garantir que o recinto estea nas mellores condicións para o alumnado.
Segundo explica a concelleira Laura Besada, “neste inicio do ano estamos dando resposta ás necesidades máis urxentes que tiñamos nos centros escolares, o que pon de manifesto o alto grao de compromiso deste goberno coa comunidade educativa. Coa actuación na escola infantil A Galiña Azul solucionamos un problema que nos presentaron os pais no primeiro trimestre do curso e que sufrían nos últimos anos, e aproveitamos a ocasión para facer pequenas melloras, pero necesarias, no centro”.
Reserva de praza
Por outra banda, desde o Concello do Grove informan que xa se pode reservar praza na Escola Infantil A Galiña Azul para o vindeiro curso. As solicitudes, que se poden solicitar no propio centro, así como a documentación requirida, pódense presentar na propia escola ata o 31 de marzo.
Os requisitos para solicitar a praza son que a crianza estea nada no momento da presentación da solicitude; que teña unha idade mínima de tres meses no momento do ingreso e que non teña cumpridos os 3 anos de idade ao 31 de decembro de 2012.
A relación provisional de admitidos e a lista de agarda farase pública o 11 de maio. Abrirase un tempo de reclamacións nos dez días posteriores. A lista definitiva publicarase o día 11 de xuño e abrirase posteriormente a quenda para facer as matrículas.