Os responsables das canteiras que a finais dos oitenta viron clausurada a súa actividade nos montes do Grove volven perder no seu intento de que o concello os indemnice
Fecha: 2012-03-05
A finais dos anos oitenta o Concello do Grove tomou a decisión de clausurar definitivamente as canteiras que nos montes do Grove estaban en activo.
Desde ese mesmo momento iniciouse un proceso xudicial por parte destes que chega ata este momento e con esta son moitas xa, as sentenzas que levan perdido sendo ademais este, o último dos preitos que tiñamos por este asunto.
Foron moitos anos de batalla xudicial nos que as teses do concello sempre gozaron das decisións favorables dos xuíces.
Cabe recordar que estas explotacións nunca tiveron as licenzas preceptivas para o desenvolvemento daquela actividade e nesa ausencia baseouse a decisión municipal do peche e logo a súa defensa.
Nun primeiro momento, os afectados responderon solicitando as licenzas para a continuidade da actividade, pero estas peticións nunca foron resoltas polo concello e nalgún momento, algún tribunal sentenciou que os interesados si tiñan polo menos dereito a que se resolvese a petición feita. O feito é que nunca as obtiveron.
Debeu ser a raíz do convencemento de que non ían conseguir as licenzas cando pediron que o concello os indemnizase polo cesamento da actividade e os conseguintes prexuízos, solicitando por iso unhas indemnizacións multimillonarias ás que ningún tribunal lle deu a súa aprobación, tal como reflicta a sentenza que acabamos de recibir.
Queda unicamente por resolver un tramite administrativo do cumprimento dunha sentenza anterior que tamén lles desestimaba a indemnización pero obrigaba ao concello a rematar o trámite do expediente dunha das solicitudes de licenza do ano 1980.
O expediente púxose en trámite novamente e está nestes momentos pendente dun preceptivo informe da Xunta para poder rematalo.
Nin que dicir ten que a sentenza se acolle no concello con moita alegría e esperando que sexan xa as últimas accións que teñamos que vivir deste complicado e sobre todo longuísimo preito. Así mesmo, non queremos deixar pasar a ocasión para felicitar a persoa que naqueles momentos tomou a decisión de clausurar aquelas explotacións a ceo aberto, que foi a alcaldesa de entón D.ª Lina Bernárdez Prol.