Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

A estudante Beatriz Escribano de la Torre, gañadora do I Concurso de Relato Curto Concello do Grove

Fecha: 2012-03-08

Os traballos de Carme Domínguez Prol e Marta Díaz Álvarez, recoñecidos con senllos accésits.

Preto de corenta alumnos da ESO participaron na primeira edición do concurso organizado pola Concellería de Educación.

  

O relato Primeiro día de traballo, de Beatriz Escribano de la Torre, é o gañador da primeira edición do Concurso de Relatos Curtos organizado polo Concello do Grove co obxectivo de fomentar a escritura creativa e o gusto pola lectura entre o alumnado dos centros de secundaria e bacharelato da localidade. O premio para esta alumna de secundaria do IES As Bizocas será a publicación do relato na revista local Sustansia do mes de abril, coincidindo coa celebración do Día do Libro e do Día do Libro Infantil; cen euros en cheques regalo para gastar no comercio local e un lote de libros. O premio entregarase o día 2 de abril, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil.

 

Ademais da premiada, o xurado tamén destaca os relatos das alumnas Carme Domínguez Prol, con Relato dun recordo, e de Marta Díaz Álvarez, que presentou ao concurso O galo iniciou o canto. Os relatos das dúas estudantes de secundaria do IES As Bizocas tamén se publicarán na revista local e recibirán 50 euros en cheques-regalo. O premio da categoría de bacharelato queda deserto ao non presentarse ningún relato.

 

Esta é a primeira edición do concurso de relatos posto en marcha pola Concellería de Educación para conmemorar en abril o mes das letras e para fomentar a escritura e lectura entre o alumnado grovense. Nesta primeira convocatoria participaron preto de corenta alumnos. Unha participación “importante”, segundo destaca a concelleira responsable de Educación, Laura Besada. “É importante que o alumnado participe nestas iniciativas, que deixen voar a súa imaxinación e a súa creatividade. Máis que os premios en cheques-regalo, o que de seguro será unha satisfacción é ter a oportunidade de ver os relatos publicados nunha revista local e que os seus pais, familiares, amigos e veciños coñezan o seu traballo”. Neste sentido, desde o Concello do Grove agradecen a colaboración da revista Sustansia.

 

Concurso de Fotografía Medioambiental

 

Por outra banda, a Concellería de Educación xa convocou a primeira edición do Concurso de Fotografía Medioambiental do Concello do Grove, destinado ao alumnado dos últimos ciclos de primaria -5.º e 6.º- e da ESO -3.º e 4.º- que estean matriculados nalgún dos centros da localidade. O obxectivo que se persegue coa convocatoria deste concurso é concienciar os rapaces sobre as causas, os efectos e as solucións asociadas ao cambio climático e á perda da biodiversidade, e a necesidade de comprometerse coa protección do medio ambiente e do contorno. O alumnado pode presentar os seus traballos durante o mes de abril nos propios centros escolares. Os premios en cada unha das dúas categorías serán cheques-regalo por valor de cen euros. Todas as fotografías formarán parte dunha exposición fotográfica que se realizará na Casa da Cultura do Grove.