O alumnado do CEIP Conmeniño participa en dous obradoiros organizados polo Concello do Grove
Fecha: 2012-03-13
O obxectivo destas actiidades é facilitar unha axeitada xestión das emocións e fomentar a comunicación familiar
O Concello do Grove, a través das concellerías de Igualdade e de Educación, inicia hoxe os obradoiros “Como poñernos de acordo” e “Como manexar as miñas emocións” no CEIP Conmeniño. O alumnado do centro participará nestas sesións que se van desenvolver os martes pola tarde en horario lectivo.
“Como manexar as miñas emocións” é un obradoiro dirixido a facilitarlles aos alumnos e alumnas unha axeitada xestión das emocións, dotándoos dos recursos necesarios para manexar e canalizalas dunha forma adecuada a cada situación e para identificar as emocións das persoas que os rodean, e para previr que atopen dificultades no desenvolvemento cognitivo, emocional e social. O alumnado traballará, a través dunha dinámica participativa, a identificación de emocións como a rabia, o medo, a ansiedade... como primeiro paso para xestionalas adecuadamente.
No que respecta á actividade “Como poñernos de acordo”, o seu obxectivo é ofrecerlle ao alumnado ferramentas para a resolucións dos conflitos, fomentar e facilitar o diálogo entre pais e fillos e visualizar os valores positivos da familia. As nenas e nenos traballarán sobre a convivencia e a comunicación familiar. A metodoloxía é de grupo, activa e participativa. As sesións son prácticas e adaptadas á idade de cada grupo.
Os dous obradoiros están incluídos na Guía de actividades municipais para centros escolares elaborada este curso polo Concello do Grove. Trátase dun documento que recolle todas as actividades que as diferentes concellerías ofrecen para o alumnado grovense, dentro e fóra das aulas. Neste curso, algunhas das actividades que xa se puxeron en marcha en colaboración cos diferentes centros foron Maxia-Potaxia, obradoiros de consumo, educación viaria, puntos de información nos institutos... Fóra do horario escolar, incluíronse exposicións sobre cambio climático, así como actividades extraescolares de natación e na biblioteca municipal.