Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O Concello do Grove conmemora a Semana da Prensa nos colexios con charlas de xornalistas da comarca

Fecha: 2012-03-15

O obxectivo da actividade é fomentar entre os escolares a lectura dos xornais e axudarlles a desenvolver o sentido crítico

 

Esta semana conmemórase a Semana da Prensa na Escola e, para celebralo, a Concellería de Educación organiza sesións nos colexios con xornalistas da comarca. O obxectivo desta actividade, na que participan os colexios Conmeniño e Rosalía de Castro, é fomentar entre os escolares a lectura dos xornais, favorecer o exercicio da lectura comparada das informacións e axudarlles a desenvolver un sentido crítico. Tamén contribúe ao reforzo da lectura e da escritura.

 

Os xornalistas que participan na actividade son Maruxa Alfonso, redactora da delegación Arousa de La Voz de Galicia; José Pereira, director do Diario de Arousa; e Sole Rei, xornalista grovense que traballa na edición de Arousa do Faro de Vigo. Hoxe visitaron os alumnos de 5.º e 6.º destes centros escolares para achegarlles algúns dos aspectos máis salientables da profesión: como redactar a noticia, maquetación da páxina, proceso de elaboración do diario… Preto de 130 alumnos descubrirán a través destas sesións a diversidade dos medios de comunicación, distinguirán entre opinión e feitos; recoñecerán as diferentes seccións dun xornal…

 

Guía de actividades escolares

Esta actividade forma parte da Guía de Actividades Municipais para Centros Escolares, elaborada polo Concello do Grove. O obxectivo desta guía é reunir nun só documento toda a información sobre a oferta municipal de actividades escolares, co obxectivo de potenciar e facilitar a participación de toda a comunidade educativa da localidade. Durante o curso xa se organizaron talleres de consumo, de educación viaria, de maxia, concursos de relatos, de postais do Nadal e de fotografía medio ambiental.