Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

A Rede de Bibliotecas do Grove celebra o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil con varias actividades de dinamización lectora

Fecha: 2012-03-26

 

O próximo luns entregaranse os premios do I Concurso de Relato Curto Concello do Grove

 

A Rede de Bibliotecas do Concello do Grove prepárase para celebrar o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, que se conmemora o día 2 de abril, con varias actividades de dinamización lectora. Deste xeito, combinará exposicións bibliográficas, sesións de contacontos e talleres de animación á lectura coa entrega dos premios do I Concurso de Relato Curto Concello do Grove.

 

As actividades do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil comezarán o propio luns día 2 na biblioteca municipal do Grove co contacontos Contos para todos, a cargo de Expresión Producións, e coa entrega dos premios do concurso de relatos. A actuación comezará ás 17.30 horas e está destinada a todos os públicos. Contos para todos é un espectáculo de monicreques, contacontos, maxia, animación, clown e música en directo. Esta historia comeza cun libro "máxico" e xigante no que aparecen uns personaxes fantásticos que traerán contos para contar mentres outros lle farán trasnada ao contacontos. Cantaremos todos xuntos e faremos maxia.

 

Ao remate, entregaranse os premios do I Concurso de Relato Curto Concello do Grove. O relato Primeiro día de traballo, de Beatriz Escribano de la Torre, é o gañador da primeira edición do concurso, que pretende fomentar a escritura creativa e o gusto pola lectura entre o alumnado dos centros de secundaria e bacharelato da localidade. O premio para esta alumna de secundaria do IES As Bizocas será a publicación do relato na revista local Sustansia do mes de abril, coincidindo coa celebración do Día do Libro e do Día do Libro Infantil; cen euros en cheques regalo para gastar no comercio local e un lote de libros. Ademais da premiada, o xurado tamén destacou os relatos das alumnas Carme Domínguez Prol, con Relato dun recordo, e de Marta Díaz Álvarez, que presentou ao concurso O galo iniciou o canto. Os relatos destas dúas estudantes de secundaria do IES As Bizocas tamén se publicarán na revista local e recibirán 50 euros en cheques-regalo e cadanseu lote de libros.

 

Xa o martes e o mércores, 3 e 4 de abril, organizaranse talleres de animación á lectura para nenos de 4 e 5 anos o primeiro día, e de 6 a 10 anos o segundo. Serán de 11.00 a 13.00 horas ambos os dous días. O obxectivo destes talleres é incentivar a lectura desde o pracer e o interese propio. Neles relacionarase a lectura con actividades lúdicas e creativas para que os nenos e nenas poidan plasmar as súas ideas e a comprensión dos textos dun xeito creativo e libre e para que o pasen ben coa lectura. As prazas son limitadas e é preciso inscribirse previamente na biblioteca municipal do Grove.

 

Ademais, entre o luns e o mércores, nas dúas bibliotecas da Rede –O Grove e San Vicente- organizaranse exposicións bibliográficas de literatura infantil e xuvenil.