Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O Concello entrégalles os certificados de asistencia aos alumnos do curso de galego para inmigrantes

Fecha: 2012-03-27

Onte luns tivo lugar o acto de entrega dos certificados acreditativos correspondentes ao curso de formación en lingua galega para inmigrantes desenvolvido na casa da cultura do Grove nos pasados meses. Esta acción formativa do Concello do Grove, cofinanciada coa Secretaría Xeral de Emigración e o Ministerio de Traballo dentro da liña de accións que axuden á integración social e laboral dos cidadáns estranxeiros, desenvolveuse en colaboración coa organización non gobernamental coruñesa Ecos do Sur.

 

Cadanseu documento acreditativo da asistencia e bo aproveitamento foille entregado aos cinco alumnos e alumnas que remataron con éxito a actividade. As clases comezaran cun total de dez participantes, pero por diferentes motivos (laborais, cambio de lugar de residencia...), a metade viuse obrigada a deixar de asistir á súa cita semanal coa lingua galega.

 

Duración e procedencias

O curso tivo unha duración de 60 horas, coa maioría de tempo dedicado á práctica, e nel, ademais de darlles unhas nocións básicas para a fala e a escrita da lingua galega, tamén se tocaron aspectos etnográficos e culturais.

 

Canto á orixe do alumnado, entre as cinco persoas que remataron o curso podemos atopar un xaponés, un romanés, unha haitiana e dúas arxentinas. O grupo inicial completábase, ademais, con dúas colombianas, unha venezolana, unha uruguaia e un peruano.

 

Máis galego

Aínda que o curso rematou oficialmente, non ocorre o mesmo coas clases. Ante a vontade do alumnado de presentarse ás probas para obter o nivel 1 do Certificado de lingua galega (Celga) que van ter lugar en Santiago de Compostela o vindeiro 10 de xuño, profesor e alumnado acordaron, coa colaboración do Concello do Grove, continuar coas clases ata esa data co fin prepararse ben para o exame.