A Consellería de Economía e Indurstria organiza no Grove un curso de técnicas de enfiado
Fecha: 2012-03-30
A Consellería de Economía e Industria quere dignificar e axudar a mellorar a formación das artesás dun oficio de máis dun século de tradición a través da organización dun curso de enfiado que contribúa a enriquecer o xa recoñecido traballo das colareiras.
A Consellería de Economía e Industria continúa coa súa aposta pola recuperación e dignificación dos oficios artesanais tradicionais galegos a través de diferentes liñas de actuación que promoven a marca Artesanía de Galicia como selo de calidade e prestixio das pezas. Con este obxectivo, organiza en colaboración co Concello do Grove un Curso de Técnicas de Enfiado dedicado ás artesás que elaboran xoias e abelorios con cunchas no Grove, coa intención de lles dar resposta ás necesidades de formación deste sector e promover a súa profesionalización.
O curso terá lugar os días 31 de marzo e 1 de abril na Casa da Cultura do Grove, de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 h, tratará diversas técnicas de enfiado e será impartido por Alicia González. Nesta actividade, encadrada baixo os Días Europeos da Artesanía, traballarase o enfiado dunha volta con nó sinxelo, enfiado de dúas e tres voltas, enfiados sen peche, enfiados con dobre nó, elaboraranse gargantillas con separadores, cordóns para lentes e, por último explicarase o enfiado en aceiro e a utilización do aceiro memoria.
Tras a última reunión da Comisión Galega de Artesanía, son xa cinco as colareiras que contan con carta de artesá, ademais de haber un obradoiro en trámite de inscrición no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. A Consellería de Economía e Industria ten en marcha diferentes iniciativas de impulso ao desenvolvemento do sector artesán galego, no que a artesanía tradicional xoga un papel especialmente relevante. Neste sentido, quere facer fincapé na singularidade do oficio das colareiras, tan representativo da zona do Grove e do patrimonio marítimo da nosa Comunidade Autónoma. As xoias de cunchas feitas á man polas artesás desta localidade pontevedresa constitúen pezas artesanais únicas, xenuínas e de gran calidade, que merecen o amparo e a protección tanto da marca Artesanía de Galicia como do Goberno galego.