Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

Os provedores do Concello do Grove xa poden dar a súa aceptación de acollerse ao mecanismo de pagamento establecido polo Goberno

Fecha: 2012-04-04

 

O pasado 15 de marzo foille enviada ao Ministerio de Facenda a relación certificada coas obrigas do Concello pendentes de pagamento aos provedores, que ascenden a un total de 812.259,93 € (excluídas as débedas coas entidades públicas).

 

O concelleiro de Economía, Facenda e Persoal do Grove, Juan Luis Callón Cameán, informa de que, co obxecto do cumprimento do Real decreto-lei 4/2012, polo que se determinan obrigas de información e procedementos necesarios para establecer un mecanismo de financiamento para o pagamento aos provedores das entidades locais, os provedores e contratistas poden dar desde hoxe a súa aceptación de acollérense ao mecanismo de pagamento establecido polo citado RDL durante un período que vai ata o próximo día 22 de abril de 2012.

 

Esta aceptación de acollerse ao citado mecanismo de pagamento pódese realizar de 2 formas diferentes:

  • Vía telemática, con acceso á aplicación informática centralizada na páxina web da Axencia Tributaria.
  • Vía presencial, dirixíndose ao Concello do Grove e comunicándoo a través dun Escrito de Aceptación para presentar no Rexistro xeral.

 

A información que deben achegar os provedores no Escrito de Aceptación, por calquera das 2 vías que utilicen, será: o número de conta corrente con IBAN e BIC, unha descrición da natureza da Peme ou autónomo segundo a AEAT e o importe da cantidade principal para aboar descontado o importe da quita, se así se establecera. Igualmente, infórmase de que o Ministerio de Facenda ten ata o 30 de abril de 2012 para valorar o Plan de Axuste aprobado polo Concello o pasado 29/03/2012, e no caso de que así sexa, durante a primeira quincena de maio o Pleno deberá aprobar a formalización da citada operación de endebedamento para o pagamento aos provedores. Cómpre destacar que a cantidade inicial de 812.259,93 € poida ser aumentada, xa que os provedores que non foron incluídos na relación de obrigas enviada ao Ministerio de Facenda inicialmente poden solicitar a súa inclusión nesta operación de pagamento durante este período citado que vai ata o 22 de abril de 2012.

 

Segundo o calendario establecido polo Ministerio de Facenda, e logo de que se realicen todas as tarefas de comprobación das obrigas reais de pagamento existentes, está previsto que se poidan aboar estas débedas a partir da segunda quincena do mes de maio de 2012.