O Concello do Grove disporá de nove operarios de servizos a través do Plan provincial de emprego da Deputación de Pontevedra
Fecha: 2012-04-04
Está previsto que inicien a súa actividade o próximo día 16 por un período de seis meses a tempo parcial, a razón de 25 horas semanais.
O concelleiro de Economía, Facenda e Persoal do Concello do Grove, Juan Luis Callón Cameán, informa de que, con cargo ao Plan Provincial de Emprego da Deputación de Pontevedra para o ano 2012, o próximo día 16 comezarán a prestar os seus servizos no Concello do Grove nove operarios.
Esta contratación de persoal enmárcase dentro do Programa provincial de emprego 2012 para os efectos da colaboración que lles ofrece a Deputación de Pontevedra aos concellos con dificultades para a prestación de determinados servizos ante a complicada situación económica e orzamentaria á que hai que facer fronte.
A Deputación Provincial financiará o 100% do custo salarial da man de obra contratada, incluída a cota empresarial á Seguridade Social, debendo proporcionar o Concello os medios materiais e roupa de traballo que sexan necesarios para a realización dos correspondentes servizos.
En concreto comezarán 4 operarios de servizos adscritos ao programa de Vías Públicas como reforzo ás tarefas de mantemento e mellora dos espazos e vías públicas. Así mesmo dispoñerase de 5 operarios de servizos adscritos ao programa de Praias e Medio para os efectos de realizar labores de limpeza de praias, actuacións de mellora medio ambiental (rozas) e limpeza de rúas. Está previsto que 2 destes operarios realicen as citadas tarefas na zona de San Vicente.
Así mesmo, o Concello do Grove mostra o seu agradecemento á Deputación Provincial pola implementación de plans e instrumentos de xestión operativa para o efecto de colaborar cos Concellos que teñen dificultades para a prestación de determinados servizos.