O Concello do Grove incorpórase á Rede de Dinamización Lingüística
Fecha: 2012-04-09
Alexandre Aguín: “As políticas de Dinamización do idioma Galego estarán máis presentes que nunca”.
A Xunta Directiva da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia vén de concederlle a aceptación provisional de adhesión ao Concello do Grove. Será o propio Consello de Membros da RDL, dentro das súas competencias, o encargado de ratificar en próximas datas esta incorporación para facela definitiva. Coas últimas incorporacións, entre as que está a do Concello do Grove, a Rede suma xa un total de 116 entidades adheridas, incluída máis da terceira parte dos concellos galegos.
A Rede de Dinamización Lingüística, vinculada á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, é un proxecto posto en marcha polo Goberno galego en 2010 que ten como principais obxectivos a promoción e a coordinación das actuacións en materia de dinamización lingüística co fin aumentar a súa efectividade desde o ámbito local. Pretende, pois, apoiar e colaborar coas entidades locais de Galicia para mellorar os servizos que prestan e potenciar o uso do galego por parte destas entidades e nas súas relacións cos cidadáns.
O Concello do Grove solicitou a súa adhesión á Rede o pasado mes de febreiro, designando como representante do órgano de goberno ao concelleiro de Novas Tecnoloxías, Documentación e Patrimonio, Alexandre Aguín, e como responsable técnico ao encargado do Servizo de Normalización Lingüística municipal, Arximiro Fernández Cabanelas.
Alén diso, cómpre salientar que, segundo sae publicado no DOG do 4 de abril, a Secretaría Xeral de Política Lingüística acaba de concederlle de novo ao Concello do Grove unha subvención para o mantemento do seu servizo lingüístico.
Alexandre Aguín felicitou o servizo e afirmou que “con esta axuda concedida pola Xunta de Galicia, pretendese garantir o servizo de Normalización Lingüística e as políticas que desde o Concello do Grove se desenvolven a prol do noso idioma”.